Elon Musk e outros investidores ofrecen máis de 94.500 millóns de euros por controlar OpenAi
O CEO de OpenAI Sam Altman publicou un tweet en X rexeitando a oferta: “Non grazas, pero compraremos twitter por 9.740 millóns se queres”

Elon Musk e un grupo de investidores ofreceron máis de 94.500 millóns de euros (97.400 millóns de dólares) por comprar a empresa sen ánimo de lucro que controla OpenAi, unha das firmas líderes en intelixencia artificial (IA).
O avogado de Musk, Marc Toberoff, dixo que entregou á xunta directiva a oferta de compra non solicitada e achegou unha declaración do seu cliente en que detalla os seus motivos.
"É momento de que OpenAI volva á forza positiva que foi unha vez, de código aberto e centrada na seguridade. Asegurarémonos de que iso ocorra", indica Musk na declaración do seu avogado.
A oferta, que non vai dirixida a OpenAi senón á entidade sen ánimo de lucro que a controla, prodúcese despois de coñecerse que OpenAi planea transformarse parcialmente nunha empresa comercial en 2025 co obxectivo de obter máis capital e desenvolver os servicios da IA.
A oferta de compra do grupo de investidores liderado por Musk está apoiada pola propia empresa de IA do empresario, xAI, que podería fusionarse con OpenAI se se produce un acordo.
Altman respondeu á noticia na súa conta de X, dirixíndose aparentemente a Musk, propietario desa rede social: "Non, grazas, pero compraremos Twitter (antigo nome de X) por 9.740 millóns se ti queres".
O magnate tecnolóxico presentou o ano pasado unha demanda contra OpenAI e Altman alegando que os fundadores da compañía se desviaron da misión orixinal de desenvolver intelixencia artificial para beneficio da humanidade.
Na actualidade, OpenAI segue sendo unha organización sen ánimo de lucro pero inmersa nun proceso de transición cara a un modelo de negocio lucrativo para, segundo a compañía, asegurar o capital necesario co obxectivo de desenvolver mellores modelos de intelixencia artificial.