Elisa Mouliaá comunica ao xuíz que segue adiante coa acusación contra Errejón
Suspendida a citación ata que Mouliá decida se o acusa ou non
A actriz continúa coa acusación ao considerar "desprezable" a postura da Fiscalía, que solicita a absolución do exportavoz
A actriz Elisa Mouliaá comunicou ao xuíz Adolfo Carretero que continúa coa acusación contra o exportavoz de Sumar Íñigo Errejón por presuntas agresións sexuais, ao considerar "desprezable" que a Fiscalía solicite a absolución para el.
Mouliaá acudiu xunto ao seu letrado ao xulgado para comunicar que se reformulou a decisión que comunicou o pasado mércores, cando presentou un escrito dicindo que renunciaba de forma "irrevogable" á acusación particular por motivos de saúde e persoais, aínda que non se retractaba da denuncia contra o expolítico.
Unha vez que o escrito chegou ao xuíz Adolfo Carretero, este pediulle que o corrixise, xa que non estaba asinado por avogado nin procurador, ou pola contra o proceso seguiría adiante porque xa se decretou apertura de xuízo oral, nun proceso en que acusaban tanto a actriz como a asociación Adive como acusación popular.
Onte o letrado de Mouilaá adiantou que a actriz cambiara de parecer e xa este martes ambos acudiron ao xulgado para confirmar que a actriz seguirá adiante porque lle parece "desprezable" que a Fiscalía "escriba un escrito de absolución" no que afirma "que houbo consentimento", cando non hai probas disto.
"Eu quedei dez meses presentando probas, cotexadas de mensaxes dese mesmo día contando que me acosou, que me humillou e que me invadiu", engadiu, asegurando que o abuso do político lle causou "estrés postraumático".
Engadiu que o ocorrido é "verdadeiramente inxusto", xa que ela o que fixo foi "dar a cara" polas mulleres tras "múltiples denuncias anónimas" tras as que Errejón dimitiu dos seus cargos en outubro de 2024.
"Eu o único que fixen foi dicir que isto era verdade para protexer as mulleres. Así que o que pasou comigo é vergoñoso porque se xerou un sistema de descrédito, de burla..., sacáronse loias", denunciou ante os numerosos medios que a seguían ante os xulgados.
Deixou claro que "é normal que outras vítimas non se atrevan a dar o paso", xa que ela, dixo, quedou "soa".
Íñigo Errejón estaba citado este martes para que o xuíz lle notificase a apertura do xuízo por suposta agresión sexual. Finalmente, o maxistrado decidiu suspender a citación por seguridade xurídica ata que Mouliaá aclarara a súa posición. "Agora vou ata o final", dixo a actriz ás portas dos xulgados.
Elisa Mouliaá denunciou a Íñigo Errejón en outubro de 2024 de agredila sexualmente, tres anos antes, durante unha festa na casa duns amigos.