Zapatero pide aprazar a declaración sobre a orixe das xoias atopadas no seu despacho
Ese aprazamento non lle afectaría á comparecencia sobre o caso Plus Ultra, prevista para este mércores
O PSOE confia en que o expresidente poida das todas as explicacións
O PP pídelle a Pedro Sánchez que acepte a realidade e lles dea a voz aos cidadáns
A defensa do expresidente do Gobierno José Luis Rodríguez Zapatero presentou un escrito ao xuíz da Audiencia Nacional, José Luis Calama, mediante o que pide atrasar a súa declaración sobre as xoias para ter tempo de reunir a documentación necesaria que explique a posesión deste enxoval.
Zapatero pide que se manteña a súa declaración da peza principal sobre tráfico de influencias este mércores e xoves, pero non ser interrogado aí sobre as xoias porque se decatou da súa imputación por fraude fiscal e contrabando este venres, e debe recompilar a documentación sobre adquisicións, herdanzas, agasallos ou doazóns, co obxectivo de ofrecer unha explicación eficaz ao xulgado. Este mercores e xoves afronta o seu exame máis complexo. Sentará na Audiencia Nacional como imputado. O primeiro expresidente español.
Sobre el, dous procedementos penais. Un que o relaciona cunha rede internacional de branqueo de capitais tras o rescate da aeroliña Plus Ultra con 53 millóns euros públicos. E un segundo, por presunto contrabando e delito fiscal, pola orixe destas xoias atopadas no seu despacho. Valor inicial 1,3 millóns de euros.
O Goberno admite a necesidade dunha reflexión sobre os agasallos. No PP non ven saída. O voceiro popular, Borja Sémper, pídelle a Pedro Sánchez que "asuma a realidade" e convoque eleccións. En Galicia, Besteiro tira de manual e pide respectar a "presunción de inocencia". Mentres, en Ferraz están convencidos de que o expresidente dará todas as explicacións que lle pida a xustiza e advirten de que non van "tolerar leccións de ninguén".