El-Abdellaoui recoñece a súa mellora tras uns inicios difíciles "pola adaptación"
Jones El-Abdellaoui leva dous goles en Liga que serviron para certificar as dúas vitorias que o conxunto vigués acumula na casa
Jones El-Abdellaoui leva dous goles en Liga que serviron para certificar as dúas vitorias que no conxunto vigués acumula en casa, ante o Athletic Club e o Valencia.
Ademais, o noruegués tamén marcou un golazo en Bulgaria ante o Ludogorets, pero nese caso non serviu para puntuar.
El-Abdellaoui é unha das incorporacións estratéxicas do Celta con vistas ao medio prazo. Con 19 anos, o atacante destaca pola súa potencia física, velocidade e marxe de crecemento. Cumpre un ano en Vigo, e recoñece as dificultades nos primeiros meses.
"Foi difícil adaptarme (fútbol e cultura). Canto máis adestras máis fácil é adaptarse. Foi máis difícil estar só en Vigo, a comida... Agora gústame moito o polbo, pero foi difícil ao comezo".
Nado en Oslo en 2006, formouse no fútbol noruegués e chamou a atención tras unha boa tempada no Vålerenga. Ese rendemento levou ao Celta a apostar por el en xaneiro de 2025 como investimento de futuro.
Xoga principalmente como extremo dereito ou dianteiro aberto, cun perfil vertical, forte no un contra un e con chegada á área. Desde a súa chegada a Vigo, alterna o primeiro equipo e o Celta Fortuna, nun proceso de adaptación progresivo.
No ámbito internacional, tras pasar polas categorías inferiores de Noruega, decidiu representar a Marrocos en idade sub-20. O club celeste confía en que a súa evolución o converta nun nome propio do proxecto nos vindeiros anos.