Educación asegura que só 52 das 1.600 baixas de docentes quedaron sen cubrir
Román Rodríguez cifra en máis de 10.000 os casos activos no sistema educativo
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade Román Rodríguez asegurou nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, que só quedaron sen cubrir 52 das 1.600 baixas de profesores rexistradas ata o venres no sistema educativo galego.
Afirmou que se cubriron "de xeito inmediato as baixas xurdidas dentro do ámbito educativo para evitar que esta crise sanitaria derivase en crise educativa". Tamén cifrou en máis de 10.000 os casos activos no sistema educativo galego e en 11 as aulas pechadas ata o venres.
"O venres estamos a falar practicamente de 1.600 baixas, algo máis de 1.600, e só tiñamos 52 sen cubrir. Houbo unha cobertura de case o cento por cento dos casos".
Do mesmo xeito, confirmou que a partir de mañá se porán a disposición dos centros educativos 55.000 tests de antíxenos. En concreto, repartiranse entre luns e martes 37.500 e o "resto queda en reserva".
"Cando xurda un positivo, daráselles de xeito gratuíto e voluntario aos alumnos que foran contacto estreito con este alumno un test para que o leven á súa casa e para que fagan a proba na súa casa acompañados de seus pais. Nós o que queremos con isto é previr, queremos xerar confianza".
Oposicións
O conselleiro de Educación defendeu a proposta do seu departamento para as oposicións do profesorado para este ano e as dúas clases de convocatoria. Unha deseñada co "sistema tradicional" e outra específica de "concurso" para dar cumprimento ao Real Decreto do Goberno sobre interinos.
Segundo explicou, decidiron facelo así para "evitar desigualdade das persoas". Detallou que este ano 2022 se ofertarán unhas 3.000 prazas. Delas, 2.600 serán "polo sistema tradicional" e o resto con concurso.
Explicou que a convocatoria polo sistema tradicional é para que os mozos e mozas que están preparándose para estas oposicións "non se sintan defraudados e poidan rematar un proceso conforme o comezaron".
Así mesmo, respecto á posición dos sindicatos de Educación ante a proposta da Xunta, o conselleiro destacou a diferenza existente entre as centrais, que denominou "dualidade".
"O máis notable quizais sexa esa dualidade entre a CIG-Ensino e ANPE , que matizan a nosa proposta pero que en certa maneira a entenden, e a postura máis belixerante de UGT e de Comisión Obreiras, que apoian máis o Estado, cando é unha proposta (a do Estado) que xera desigualdade entre as persoas porque dá moita prevalencia a un tipo de opositores sobre outros".
Sobre os exames das oposicións, Rodríguez dixo que se apostará por "un modelo mixto entre o prepandémico e o do ano pasado". A idea é "manter un número significativo de tribunais" aínda que "quizais menos", e tamén van seguir facéndoo "descentralizado".
Lei Celáa
O conselleiro de Educación volveu expresar o seu rexeitamento á nova lei orgánica de educación, a LOMLOE, coñecida popularmente como lei Celáa, en alusión á ministra que a impulsou. Na opinión de Rodríguez, a "aplicación está sendo moi atropelada, improvisada, sen criterio e caótica".
Asegurou que "a día de hoxe non temos nin un só currículo publicado" por parte do Ministerio e lembra que iso afecta á parte que lles corresponde elaborar ás comunidades autónomas.
Universidades
Críticas tamén de Rodríguez ao Ministerio de Universidades. O responsable galego da materia di agardar que o novo ministro Joan Subirats "teña maior capacidade de entender o que significa elaborar algo tan importante como unha lei de universidades" tras afirmar que o seu predecesor, Manuel Castells, "confundiu o que é a vida política coa vida académica".
No político, Rodríguez lanzou outra diatriba ao asegurar que "dá a sensación de que o Goberno de España, do señor Sánchez, entende o Ministerio de Universidades como unha cota, como a concellería do Concello de Barcelona".