Dúas persoas, pai e filla, intoxicados por inhalación de fume nun incendio provocado por unha estufa en Lalín
Dúas persoas, pai e filla, intoxicados por inhalación de fume nun incendio provocado por unha estufa en Lalín
Ao parecer, ela durmía nun cuarto e o pai estaba na cociña vendo a televisión cuberto cunha manta, preto dunha estufa de butano, que puido prender no cobertor
O responsable do GES de Lalín achegábase esta mañá ata o domicilio onde se produciu o incendio onte ao redor das 7 e media da tarde na rúa Xasmíns para interesarse polo estado dos veciños afectados. Son pai e filla e residen no baixo. Ao parecer, ela durmía nun cuarto e o pai estaba na cociña vendo a televisión cuberto cunha manta, preto dunha estufa de butano, que puido prender no cobertor.
Por sorte, non se produciu explosión de gas. O home que quedara adormecido espertou sobresaltado e os berros alertaron a filla, que avisou os servizos de emerxencia. Acudiron o GES de Lalín e os Bombeiros de Silleda, pero o lume xa estaba extinguido cando chegaron. Os veciños sufocaron as lapas cun extintor.
O labor dos servizos de emerxencias foi basicamente medir os gases e ventilar a vivenda.
Os danos na vivenda non foron moi graves, pero pai e filla tiveron que ser trasladados nunha ambulancia ao hospital con síntomas de intoxicación pola cantidade de fume que inhalaron.