Publicador de contidos

Publicador de contidos

Delcy Rodríguez asegura que ningún “axente externo” goberna en Venezuela

Delcy Rodríguez asegura que ningún “axente externo” goberna en Venezuela

Trump esixiu a Rodríguez “acceso total” aos recursos naturais e doutro tipo, ao tempo que ameazou con realizar novos ataques sobre Venezuela se o Goberno “non se porta ben”

“Estamos aquí gobernando xunto ao pobo, o Goberno de Venezuela rexe o noso país, máis ninguén"

Trump asegura que Delcy Rodríguez está "a cooperar" cos EUA e descarta eleccións a curto prazo en Venezuela

Reuters
G24.gal 06/01/2026 22:06 Última actualización 06/01/2026 22:28

A presidenta encargada de Venezuela, Delcy Rodríguez, dixo este martes que ningún “axente externo” goberna o país suramericano, despois de que o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, asegurase que parte da súa Administración estará a cargo de coordinar unha transición na nación petroleira.

“Estamos aquí gobernando xunto ao pobo, o Goberno de Venezuela rexe o noso país, máis ninguén, non hai axente externo que goberne Venezuela”, sinalou a dirixente tras instalar a comisión do Estado Maior Agroalimentario, Pesca, Comunal e Industrial, transmitido pola canle estatal Venezolana de Televisión (VTV).

Rodríguez indicou que o pobo venezolano está activo nas rúas, marchando para esixir a liberdade do mandatario Nicolás Maduro e da súa esposa, Cilia Flores, capturados polos Estados Unidos tras un ataque militar en Caracas e tres estados veciños na madrugada do sábado.

“Crecemos en fortaleza, crecemos espiritualmente para afrontar los desafíos, as agresións, as ameazas. No persoal, a quen me ameace, dígolle: o meu destino só o decide Deus, esa é a miña resposta”, agregou.

A presidenta encargada exhortou os venezolanos a seguir traballando para que neste novo ano se cumpran os obxectivos dos sectores produtivos.

O luns, Trump dixo que os secretarios de Estado e Guerra, Marco Rubio e Pete Hegseth, respectivamente, e o asesor en temas de seguridade e migración Stephen Miller estarán a cargo de coordinar a transición en Venezuela, ao tempo que asegurou que Rodríguez está “cooperando”.

Nunha entrevista con NBC News, Trump tamén incluíu no equipo encargado de Venezuela o seu vicepresidente, JD Vance, aínda que este se mantivo nun segundo plano desde que o sábado unha gran despregadura militar e de operacións especiais asaltase Caracas para capturar a Maduro e Flores.

Á pregunta de quen será nese grupo o principal responsable de tomar decisións sobre Venezuela, Trump limitouse a dicir que será el quen teña a última palabra.

Rubio explicou este domingo que os responsables estadounidenses de dirixir a transición en Venezuela farano desde un ámbito de “políticas” e que será un “esforzo de todo o aparato de seguridade nacional”.

O domingo, Trump esixiu a Rodríguez “acceso total” ao país suramericano en termos de recursos naturais e doutro tipo, ao tempo que ameazou con realizar novos ataques sobre Venezuela se o Goberno “non se porta ben”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade