Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desisten de roubar nun piso de Lugo ao ver unha cámara de vixilancia

Desisten de roubar nun piso de Lugo ao ver unha cámara de vixilancia

Dentro da vivenda estaba o propietario, que non se decatou de nada porque estaba na ducha

A Policía Nacional cre que son as mesmas autoras doutro roubo en Noiteboa na rúa do Miño

Utilizan o método do esvarón e forman parte dunha banda itinerante

Rúa San Marcos, onde se produciron os feitos
G24.gal 26/12/2025 13:55

Quedou todo recollido nun vídeo en que se ve dúas mozas entrar na vivenda situada na céntrica rúa San Marcos e marchar aos poucos segundos ao comprobar que as estaban gravando. Foi de día, nas horas previas á Noiteboa, nunha zona moi concorrida. 

"Son mulleres novas, ben vestidas", porque o que pretenden é non levantar sospeitas por parte dos veciños e da xente, explica José Castro, vicepresidente da asociación veciñal Centro de Lugo onde están preocupados "porque son situacións moi desagradables e lamentables", que el mesmo sufriu hai un tempo.

"Van unhas persoas de 'avanzadilla', tocan os timbres, cando non lles abren pois tentan entrar buscando cartos e xoias, sobre todo. O peor é a preocupación de que nos poidan entrar nos nosos domicilios", explica a veciñanza.

Detrás deste tipo de roubos están grupos itinerantes que o primeiro que fan é ver se os pisos están baleiros. Neste caso as ladroas non contaban cun veciño que non contestou porque estaba na ducha. O home non se decatou de nada ata que a súa parella o chamou tras recibir o aviso da empresa de seguridade. 

"Trátase de bandas organizadas e itinerantes que utilizan o método do esvarón", confirma a Policía Nacional

Acceden ás vivendas con moita facilidade utilizando o método do esvarón, polo que se emprega unha tarxeta ou unha lámina de plástico.

Así entraron no piso de San Marcos e na mesma tarde, ás poucas horas, noutro da rúa do Miño, onde si conseguiron subtraer cartos en efectivo e xoias. 

A Policía Nacional investiga os dous casos e non se desbota que poida haber máis ao ser días de Nadal é moita xente pasa estes días fóra.

Os investigadores sospeitan que a banda itinerante pode ser de orixe balcánica, a mesma que a perpetrou varios roubos en pisos da  contorna do parque Rosalía de Castro hai unhas semanas. As mulleres non son as mesmas pero empregaron a mesma metodoloxía. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade