Dous tiros libres de Cook no último segundo danlle o quinto triunfo ao Breogán
O equipo lugués gañoulle ao Bilbao Básket por 100-99 despois dun partidazo con actuacións estelares do local Francis Alonso e o ex breoganista Hilliard
Un final e un partido que se lembrará durante moito tempo. O Río Breogán-Bilbao Basket ofreceu todo o que un afeccionado precisa, cunha dose extra de padecemento para os espectadores que ateigaron o Pazo. Precisaba gañar o Breo, logo de dous partidos nos que careceu de solidez. Fronte ao Bilbao non recuperou a intensidade defensiva ideal, apañou 99 puntos, pero compensouno con outros aspectos. Na primeira parte co acerto nas triplas, 10 anotadas en total.
Na segunda, cun baloncesto moito máis equilibrado e solidario que lle permitiu recuperar a iniciativa que mantivera o Bilbao nos primeiros 25 minutos. Sete xogadores lucenses superaron a decena de puntos. Amagou cunha fuxida o Breogán ao inicio do último cuarto, pero a resposta vasca foi inmediata. Resultou espectacular o final, co man a man entre un excelso Francis Alonso e un Darrun Hilliard que non quixo pasar desapercibido no retorno a Lugo. A catro segundos do final anotou a tripla que parecía darlle a vitoria ao seu equipo.
Cook recibiu a falta cun segundo no reloxo e non lle tremeu o pulso para anotar os dous tiros libres que colocaron o definitivo 100-99. Jaworski tivo o último lanzamento. O seu erro provocou o delirio no Pazo. A quinta vitoria, a máis sufrida, a máis saboreada, quedaba en Lugo.