Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rescatan dous obreiros dun guindastre avariado a 20 metros de altura en Vilagarcía

Rescatan dous obreiros dun guindastre avariado a 20 metros de altura en Vilagarcía

A máquina avariada verteu líquido hidráulico na calzada, e as tarefas de limpeza prolongáronse varias horas

O Servizo de Emerxencias rescatounos da cesta do guindastre coa autoescada
G24.gal 05/11/2025 14:22

Os obreiros levaban varias semanas traballando na fachada dun bloque de edificios no barrio dos Duráns en Vilagarcía. E xusto cando o facían no máis alto, no revestimento dos áticos, rompeu un dos manguitos do guindastre que os elevara. Eles din que é unha avaría do máis común, pero o caso é que -por seguridade- bloquea a máquina, e nese bloqueo quedaron atrapados dous operarios. 

"A máquina bloqueouse a esa altura, sen que os operarios tivesen posibilidade de baixar o chan", explica o xefe de Emerxencias de Vilagarcía,  Francisco Javier Guillán. "Atopábanse en suspensión a 20-22 metros, así que usamos a autoescada para baixalos, en tanto non se reparaba o problema que tiña a máquina", aclara. 

A operación de rescate completouse sen problema, e os dous operarios saíron ilesos. O peor foi que dende que rompera o manguito, a máquina fora perdendo líquido do hidráulico, que acabou por embarrar toda a zona.

Explica Guillán que cortaron o tráfico ao chegar, pero ata entón os coches foran estendendo o aceite ao seu paso. "É un aceite hidráulico, é esvaradío, con risco para os peóns e para os vehículos" di Guillán. E iso -explica- á parte da contaminación que pode ocasionar en caso de que chegue a acuíferos, así hai que tiveron que facer traballos de taponamento "para que non entrara nos rexistros de pluviais, e recollelo debidamente".

Levoulles cousa de tres horas limpar a vertedura e restablecer o tráfico, cortado entre as rúas Eduardo Pondal e Pablo Iglesias. O guindastre xa está reparado e, máis alá do susto, os traballos na obra seguen con normalidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade