Dous mortos nun tiroteo rexistrado nun centro de inmigrantes en Dallas (EUA)
As vítimas son un inmigrante que estaba alí recluído e o atacante. Hai varios feridos

Un tiroteo este mércores nunha oficina do Servizo de Inmigración e Control de Aduanas (ICE, en inglés) en Dallas (Texas) causou dous mortos, un inmigrante que estaba alí recluído e o atacante, así como varios feridos, segundo informaron as autoridades estadounidenses.
A oficina do FBI local e a policía de Dallas rectificaron nunha conferencia de prensa a cifra que se ten agora de falecidos no ataque, e indicaron que "ningún axente resultou ferido" e que están a investigar o feito como un acto de "violencia selectiva".
O sospeitoso, que faleceu por mor dunha "ferida autoinfrinxida", disparou desde un edificio contiguo, indicou Tricia McLaughlin, portavoz do Departamento de Seguridade Nacional (DHS), á cadea Fox News.
Segundo informaron fontes policiais á cadea CNN, o falecido e os feridos son migrantes que estaban detidos no centro.
Pouco despois, o director do FBI, Kash Patel, publicou unha imaxe en X do que asegurou son cartuchos atopados preto da escena do tiroteo coa frase gravada "anti ICE".
A pesar de que as autoridades aseguran que se descoñece aínda o motivo tras o ataque, varios funcionarios do Goberno de Donald Trump, entre eles o vicepresidente, JD Vance, vinculárono de inmediato coa "violencia" e as ameazas contra "as forzas da orde".
O terceiro incidente
Este é o terceiro incidente similar no que vai do ano en Texas. En xullo as autoridades acusaron a 10 persoas de participar nun tiroteo fronte a un centro de detención de migrantes en Alvarado, que deixou a un policía ferido e que o Departamento de Xustiza considerou un "ataque organizado".
Ese mesmo mes, axentes federais mataron a un home que disparou contra un edificio da Patrulla Fronteiriza en McAllen, onde provocou un tiroteo cruzado que deixou polo menos un ferido.