O Pentágono anuncia unha operación contra os "narcoterroristas" na América Latina
O último ataque efectuado a principios desta semana en augas do Caribe deixa catro mortos
Desde setembro o exército estadounidense realizou unha vintena de ataques, que deixan 80 vítimas mortais
Rusia espera que os EUA non tomen medidas para desestabilizar Venezuela e o Caribe
Ataque do exécito dos EUA efectuado o pasado 23 de outubro contra unha "narcolancha" (departamento de Defensa dos EUA)
O secretario de Guerra dos Estados Unidos, Pete Hegseth, anunciou este xoves o lanzamento dunha operación militar dirixida polo Mando Sur do Exército (Southcom) contra os "narcoterroristas do noso hemisferio".
Faino un día despois da despregadura dun novo portaavións na América Latina no marco duns ataques no Pacífico e, particularmente, no Caribe, que deixaron máis de 70 mortos.
"Hoxe anuncio a operación Lanza do Sur (...) que elimina os narcoterroristas do noso hemisferio e protexe a nosa patria das drogas que están a matar a nosa xente. O hemisferio occidental é a veciñanza dos Estados Unidos e protexerémolo", sinalou na súa conta da rede social
X.
President Trump ordered action — and the Department of War is delivering.
— Secretary of War Pete Hegseth (@SecWar) November 13, 2025
Today, I’m announcing Operation SOUTHERN SPEAR.
Led by Joint Task Force Southern Spear and @SOUTHCOM, this mission defends our Homeland, removes narco-terrorists from our Hemisphere, and secures our…
As declaracións de Hegseth chegan horas despois de que transcendera a morte de catro persoas noutro ataque efectuado a principios desta semana polo Exército estadounidense en augas do Caribe, tal e como confirmaron fontes do Pentágono.
Trátase do vixésimo ataque de Washington, despois de que Hegseth anunciara o domingo outros dous contra senllas embarcacións con tres tripulantes a bordo cada unha e nos que non houbo sobreviventes.
Son xa 80 o número total de vítimas mortais en bombardeos dirixidos polo Pentágono desde mediados de setembro contra supostas narcolanchas.
Rusia espera que os EUA non tomen medidas para desestabilizar Venezuela e o Caribe
O Kremlin expresou hoxe a súa confianza en que os Estados Unidos non tomen medidas que desestabilicen a situación "arredor de Venezuela" e a rexión do Caribe, despois de que o Pentágono anunciara o xoves a operación militar Southern Spear (Lanza do sur) contra o narcotráfico na América Latina.
"Confiamos en que non se adopte ningunha acción que poida conducir á desestabilización da situación na rexión do Caribe e arredor de Venezuela, e que todo se faga acorde ao dereito internacional", dixo Dmitri Peskov, portavoz presidencial.
Peskov lembrou que o respecto do dereito internacional "atópase en moitos lugares do mundo nun estado lamentable".
O Acordo de Asociación Estratéxica e Cooperación entre Rusia e Venezuela entrou en vigor este mércores despois de que ambas as cámaras do Parlamento ruso instaran a comunidade internacional a condenar as "accións provocadoras dos Estados Unidos" contra Venezuela.
Aínda que se descoñecen as súas cláusulas, o ministro de Exteriores de Rusia, Serguéi Lavrov, negou o martes as informacións sobre a petición de axuda militar de Venezuela a Moscova por mor da escalada das tensións cos Estados Unidos.
"Non, non recibimos ningunha solicitude", pero Rusia "está preparada para cumprir plenamente coas obrigacións reciprocamente consagradas no acordo cos nosos amigos venezolanos".