Deteñen dous mozos por unha agresión nun local de copas de Ordes
A Garda civil acusaos de dous delitos de lesións
Provocáronlle cortes na cara e hematomas a un mozo e a perda de dous dentes a outro
Os detidos son coñecidos das forzas da orde por outros episodios semellantes
O campo da feira de Ordes e toda a zona de bares que o arrodea estiveron esta fin de semana especialmente animados pola celebración da Festa do Champiñón. A festa prolongouse ata a chegada do día nos populares locais de copas da rúa do Muíño. Nun deles foi onde se desatou un altercado, sobre as sete da mañá do sábado, cando estaban saíndo xa os últimos clientes para pechar.
Nas imaxes difundidas pola Garda Civil vese como á pelexa inicial entre dous mozos vanse sumando outras persoas. Dous dos implicados tiveron que ser atendidos no centro de urxencias que hai preto por cortes na cara, hematomas e a perda de dous dentes.
A Garda Civil informou este mércores da detención de dous mozos como presuntos autores da agresión. Segundo o parte policial, un deles foi o que comezou a discusión no bar cun dos lesionados e logo agrediuno. Deseguido fóronse sumando máis mozos entre eles o outro lesionado, que pretendía auxiliar o compañeiro ao que golpearan de entrada.
Segundo a nota policial, os detidos están acusados de dous delitos de lesións. Son dous mozos de Ordes coñecidos xa das forzas de seguridade por outros episodios similares.
Na noite seguinte, do sábado para o domingo, a marcha nocturna de Ordes seguiu estando moi animada pola festa, pero xa sen ningún incidente destacable.