Ivanka Trump, "doída" pola imputación de seu pai
Donal Trump é o primeiro expresidente dos Estados Unidos en enfrontarse a cargos penais
Investígano por pagar diñeiro negro a unha actriz porno para que non desvelase que mantiveran relacións
A previsión é que se entregue o martes para que lle comuniquen as acusacións
Ivanka Trump, a filla favorita do expresidente dos Estados Unidos, Donald Trump, afirmou este venres estar "doída" polo seu pai e o país, despois de que fose imputado por un gran xurado de Nova York.
"Amo ao meu pai e amo ao meu país. Hoxe, estou doída polos dous", dixo Ivanka Trump nunha mensaxe en Instagram.
Nunha decisión inédita, un gran xurado de Nova York aprobou a presentación de cargos contra Donald Trump. Aínda non se fixeron públicas as acusacións, pero no centro da investigación están os pagamentos a unha estrela do cine pornográfico para mercar o seu silencio, supostamente, e que non revelase que mantiveran relacións. Foron 130.000 dólares durante a campaña electoral de 2016.
Trump convértese así no primeiro expresidente dos Estados Unidos en enfrontarse a cargos penais. E ademais dáse a circunstancia de que quere ser o candidato republicano para 2024.
E a imputación non lle impediría presentarse.
Ivanka e o seu esposo, Jared Kushner, pais de tres fillos, foron asesores da Casa Branca durante a Presidencia de Trump, con nomeamento incluído, o que xerou moitas críticas nos Estados Unidos.
Desde a saída do seu pai da Casa Branca en xaneiro de 2021, Ivanka Trump distanciouse da política e centrouse na súa familia e fillos.
Nin sequera estivo presente no lanzamento en novembro pasado da campaña do seu proxenitor para aspirar ao nomeamento republicano para os comicios presidenciais de 2024.
No pasado, a segunda dos cinco fillos de Trump tivo que declarar como testemuña ante o comité do Congreso que investigou o asalto ao Capitolio o 6 de xaneiro de 2021.
Ivanka Trump foi tamén investigada pola xustiza, do mesmo xeito que os seus irmáns Eric e Donald, nun caso por presuntas irregularidades financeiras no grupo empresarial familiar.
Donal Trump recibiu a noticia da súa imputación na Florida e respondeu cun comunicado.
Fala de persecución política, caza de bruxas e interferencia electoral ao máis alto nivel da historia. Di que os demócratas fixeron o impensable. Tamén asegura que non poderá ter un xuízo xusto en Nova York e defínese como a persoa máis inocente da historia.
A previsión é que se entregue o próximo martes para escoitar formalmente a acusación, segundo avanzou a súa avogada. E algúns medios estadounidenses xa están avanzando que podería enfrontarse ata a 30 delitos por fraude.
O equipo legal de Trump e el mesmo levaban semanas anticipando que acabaría imputado. E chamando os seus seguidores a protestaren e a recuperaren a nación.
Hai tensión polo que poida pasar. E moita expectación mediática e seguridade tanto nos xulgados como na Torre Trump. A policía de Nova York mobilizou todos os axentes para que estean de garda e preparados para actuar con rapidez.