As rúas de vilas e cidades enchéronse de xente, pasacalles e charangas no domingo de Entroido
Xinzo, unha das vilas do triángulo máxico, ten o entroido máis longo de Europa
Máis de 300 persoas participan no desfile de Burela
Domingo de troula en Xinzo, un das vilas do triángulo máxico do Entroido ourensán.
"Onte tocou Maceda, hoxe Xinzo, o martes tocará Laza. Isto é así, o triángulo".
"De marabilla, isto é espectacular, isto rompe".
Aquí presumen do seu carnaval, que dura nada menos que cinco semanas e que conta coa declaración de interese turístico internacional, este ano, cunha programación na que participan 60 charangas e 40 grupos.
"O Entroido é un sentimento para os de Xinzo, é vivilo, saír, gozalo e meterse no papel do que cada un vai disfrazado".
"É un sentimento, si, e lévano no sangue. Son moitos anos".
"Queres subir á atracción, podes. Son 20 euros".
"Non tivemos tempo para lavar a roupa con tanto Entroido e hoxe decidimos sacala toda a darlle un remeneo. Se queres, o meu compañeiro, explícavos como fai o centrifugado".
Aínda quedan días de festa en Xinzo, coas pantallas como protagonistas. Máis pasacalles e desfiles o martes. O enterro da sardiña, o mércores. E a próxima fin de semana, o Entroido despídese ata o ano que vén coas actividades do sábado e domingo de piñata.
Máis de 300 persoas participan no desfile de Burela
Máis de trescentas persoas desfilaron disfrazadas á tarde deste domingo polas rúas máis céntricas de Burela, animando unha comarca na que os desfiles marcan a tradición. Comparsas, grupos, parellas e persoas en solitario locen enxeño e traballo, xa que moitos aseguran que lles leva un ano prepararse, entre os traxes e as coreografías. Os máis dos participantes desprázanse dunha a outra vila da Mariña para colaborar nos desfiles que se organizan en cada unha delas.
Entroido en Viano do Bolo
Outro dos Entroidos máis antigos e tradicionais de Galicia é o de Viana do Bolo. Con moita emoción se vive na localidade este domingo gordo, que é como lle chaman alí ao domingo de Entroido, cando o son dos folións inundan as rúas da vila. Diante dos folións, abrindo paso entre os centos de persoas que asistiron a este desfile único, van os boteiros, a figura ancestral e esencial de Entrudio, como eles din, de Viana.
Laza vive un dos seus días grandes
O domingo de estrea comezou cos nervios dos peliqueiros ata que comezan a desfilar pola vila dando algún que outro lategazo.
Aínda non recuperados do sábado de cabritadas e da fariñada de onte, esta mañá centos de visitantes e oriúndos acudían á presentación oficial dos peliqueiros.
En Laza, a máxima autoridade do seu Entroido é o peliqueiro, que se presentaba oficialmente hoxe. Esta figura, que algúns estudosos remontan mesmo a antes do medievo, impón a súa lei cun látego e movendo as súas chocas, mentres corren o entroido entre os asistentes. E por certo, son intocables.

Entroido en Cobres
O único Entroido considerado de interese turístico de Galicia de toda a provincia de Pontevedra, o de Cobres, volveu encher de baile tradicional e de cor as parroquias de Vilaboa. As madamas e os galáns danzan durante catro días seguidos, ata o martes, levando este carnaval nómade de casa en casa ao ritmo da banda de gaitas Aires de Cobres.
Entroido en Ferrol
O Entroido tamén animou a tarde en Ferrol cunha festa de temática hippy para os máis pequenos.
Na praza de Armas houbo paz e amor, pero sobre todo moitas ganas de música e de troula. Ademais do seu talento para o baile, os nenos demostraron a súa destreza artística nos obradoiros de manualidades.
Repartíronse 300 racións de flocos de millo e outras tantas de algodón de azucre, un bo aperitivo antes do prato forte de mañá, día da agardada filloada e do desfile de comparsas.
Seguimos a ruta dos xenerais da Ulla polos oito concellos nos que se celebra este Entroido
Os desfiles deste serán remataron no concello de Boqueixón, pero antes as tropas máis miúdas deste exército batallaron na parroquia estradense do Couso.
Son as tropas máis novas dos xenerais da Ulla dispostas a enfrontar unha nova batalla.
"Estes carnavais para min son moi divertidos e montar no cabalo, moi emocionante. Para min é unha tradición porque empecei no colexio. Póñome nerviosa", di una nena.
Durante todo o Entroido, os nenos acompañan nos desfiles os xenerais formando os coros dos bonitos.
"Este ano son uns 50 nenos e son moi pequenos, que ten o seu mérito", di unha muller.
Entroido ribeirao, en Chantada
No Entroido ribeirao, en Chantada, non poden faltar as figuras principais da celebración: os volantes, os peliqueiros ou maragatos e os mecos.
Celébrase durante catro días: o domingo lambedoiro, domingo corredoiro, domingo de Entroido e o martes de Entroido.
Aquí todo é diversión, música, tradición e boa comida...