Dispáranse os positivos na área de Pontevedra: rozan xa os 800
Bueu é un dos concellos onde máis sobe a incidencia
Hoxe hai 153 contaxios novos
A covid continúa a súa escalada na área sanitaria de Pontevedra. Suman en total 793 casos activos.
"Estamos vendo que hai un incremento no número de novos diagnósticos en todos os perfís de idade e sabemos que isto se traduce ao cabo duns días en ingresos hospitalarios. Para os aproximadamente 800 casos activos que temos a día de hoxe por exemplo na nosa área, hai 9 ou 12 meses teriamos 60, 70 pacientes ingresados, e estamos falando de 22 e sobre todo 3 na UCI, ou sexa que a situación é diferente, a vacina claramente protéxenos, pero non nos converte en inmortais", explica Juan Turnes, xefe de hospitalización covid no CHOP.
Como xa sucedera antes, son os concellos da costa os que rexistran os peores datos, un deles Bueu que na última semana sumou 57 novos contaxios. Por diante quedan días festivos de moita mobilidade que poden pasar factura.
"Isto pode xerar un incremento da transmisión que non veremos ata dentro de 7, 10 días aproximadamente e aí todos nós podemos reducir ese impacto sendo coidadosos nos nosos contactos sociais para axudar a que esta fase de ascenso sexa o máis leve posible", continúa Juan Turnes.