Dispáranse as reservas para o entroido en Verín
Elevada participación no xoves de Compadres
Para o Domingo Corredoiro e para as Comadres xa está todo reservado
Tras dous anos de abstinencia, o Xoves de Compadres volveu encher a noite pasada boa parte dos restaurantes da vila. Para o próximo xoves, o de comadres, xa non hai sitio dispoñible, o mesmo que para o Domingo Corredoiro.
"Eu xa viña dicindo que a xente estaba moi animada e onte puiden comprobar que si", Mavi Pérez, do restaurante Zapatillas. Aquí completaron as mesas e xa teñen completo tamén para as citas máis importantes que están por vir: este domingo, o Corredoiro, cando se estrea o cigarrón, e o próximo xoves, o das comadres. Malia a que se suspendeu o acto máis multitudinario, o recibimento da raíña, si haberá ceas, pero menos concorridas ca en anos anteriores á pandemia porque hai que gardar distancias.
"Mesas de oito, metro e medio de separación... así que os aforos diminúen. Normalmente obrígante a apretar, pero este ano imos estar máis soltos", explica Francisco Pérez Salgado, presidente do Hostaleiros de Monterrei.
Un desafío, din, para o sector hostaleiro.
"Porque non sabes por onde tirar. Quedan moitas pandillas fóra. Os que andaron máis ao loro, máis rápido, son os que colleron sitio", corrobora Mavi.
Arrincou tamén Viana, que onte festexou os compadres, e en Xinzo toca domingo corredoiro esta fin de semana, a primeira cita do entroido para as pantallas.