Publicador de contidos

Publicador de contidos

Diego Maraña, presidente de En Colectivo sobre a AP-9: "Hoxe pode ser un día histórico para Galicia"

Diego Maraña, presidente de En Colectivo sobre a AP-9: "Hoxe pode ser un día histórico para Galicia"

Os usuarios da AP-9 sinalan que Audasa non debeu cobrar peaxes cando a ponte de Rande estaba en obras

Maraña afirma: "Se o Goberno non acata o ditame, significa que os galegos estaremos pagando durante seis anos peaxes sabendo que a autoestrada non é legal e non cumpre a normativa comunitaria"

G24.gal 17/09/2025 09:39

Os usuarios da autoestrada AP-9 están este mércores pendentes de dúas resolucións: a sentenza do Tribunal Supremo sobre o suposto cobro abusivo de peaxes durante as obras da Ponte de Rande e a finalización do prazo de dous meses dado por Bruxelas ao Goberno español para acatar o último ditame que certifica a ilegalidade da ampliación da concesión da AP9 ata o ano 2048.

A asociación En Colectivo leva anos loitando para que se fagan valer os dereitos dos usuarios da AP-9. Nunha entrevista no Bos días, o presidente desta organización, Diego Maraña, sinalou: "Hoxe pode ser un día histórico para Galicia".

"Aos usuarios que transitaron pola autoestrada non deberon cobrarlles eses importes"

Maraña explica que durante os anos 2015 e 2018 no que se executaron as obras de ampliación de Rande, a concesionaria non debeu cobrar a peaxe aos usuarios da vía. "A obriga da autoestrada é garantir a fluidez e a seguridade e daquela estas premisas non se cumpriron", asegura.

E pon un exemplo. Durante o tempo no que duraron as obras viaxar de Vigo a Pontevedra levaba como mínimo corenta minutos, cando de media o traxecto percórrese en vinte.

En Colectivo contabilizou nestes tres anos un total de 81 incidencias derivadas destes traballos de ampliación. "Nós solicitamos a devolución das peaxes de todo o período, non só desas 80 incidencias", explica. Ao seu xuízo "Aos usuarios que transitaron pola autoestrada a concesionaria non tiña dereito a terlle cobrado eses importes".

"Se o Goberno non acata o ditame estaremos pagando durante seis anos peaxes sabendo que a autoestrada non é legal e non cumpre o a normativa comunitaria"

Ademais, este mércores remata o prazo de dous meses que Bruxelas deu ao Goberno español para que decida que facer coa concesión da AP-9. En xullo considerou ilegal a ampliación ata 2048 aprobada polo Goberno de José María Aznar. O executivo debe decidir se asume esa ampliación ou se lle pon punto e final.

"Nós pensamos que o cumprimento da legalidade é para todos -asegura Diego Maraña-. Non entendemos a postura do Goberno, que se opuxo a asumir o incumprimento. Tiña a obriga de convocar un novo concurso para que outras empresas puideran licitar e iso non se fixo".

Segundo Maraña "Estamos pagando unha autoestrada que non é legal e non cumpre a normativa comunitaria. Se hoxe o Goberno non o acata obrigará á Comisión Europea a instar ao TXUE que execute o ditame mediante sentenza. Isto significa que estaremos pagando catro ou seis anos peaxes sabendo que a autoestrada non é legal e non cumpre o a normativa comunitaria".

Segundo Diego Maraña, o custo da compensación a Audasa por finalizar a concesión sería inferior a seguir pagando peaxes ata 2048. O Consello do Estado asegura que continuar pagando peaxes durante 23 anos máis rozaría os 4.000 millóns de euros e as indemnización non superarían os 3.600 millóns.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade