Diego Epifanio, novo adestrador do Obradoiro
Epi: “Estou moi ilusionado porque un club como Obradoiro pensase en min para dirixir este proxecto"
O técnico burgalés, que asina por dúas temporadas, logrou tres ascensos á Liga Endesa con San Pablo Burgos, Río Breogán e Leyma Coruña
O Monbus Obradoiro anunciou este mércores que Diego Epifanio será o seu adestrador a tempada 2025-26, na que o equipo santiagués volverá competir en Primeira FEB tras perder este ano a primeira eliminatoria da fase de ascenso contra o Palencia.
“É unha maneira perfecta de iniciar un novo proxecto. Será o noso segundo ano en primeira FEB e incorporamos un técnico de experiencia absolutamente contrastada, de moitos anos e éxitos na categoría, capaz de conseguir ata tres ascensos con tres conxuntos diferentes”, declarou o director xeral do Obradoiro, Héctor Galán.
Epifanio dirixiu esta última tempada o Leyma Básquet Coruña, co que se reencontrará o próximo curso na categoría de prata tras finalizar como pechacancelas a tempada da súa estrea na ACB. Ao longo da súa carreira, o técnico burgalés logrou tres ascensos á Liga Endesa con San Pablo Burgos, Río Breogán e Leyma Coruña.
“Estou moi ilusionado porque un club como Obradoiro pensase en min para dirixir este proxecto desde o banco. Teño moitas ganas de empezar a confeccionar o persoal para a tempada que vén e de adaptarme o máis rápido posible ao club e á súa maneira de funcionar”, destacou Epifanio, que substituirá no cargo a Félix Alonso.
"Eu non me sentei con ninguén máis. Senteime coas persoas que me amosaron máis intención, ilusión e desexo para que eu traballase con eles"
O Obradoiro manexará un orzamento de case tres millóns de euros.