Publicador de contidos

Publicador de contidos

Diego Calvo: "Ante unha catástrofe parecida á do Prestige a resposta ía ser moi distinta. Aprendemos moito"

Diego Calvo: "Ante unha catástrofe parecida á do Prestige a resposta ía ser moi distinta. Aprendemos moito"

O vicepresidente segundo da Xunta admite preocupación ante o paro de camioneiros convocado en España e pide esforzos para desconvocalo

Calvo agarda "transparencia e educación" por parte do Goberno na reunión na que Transportes explicará as causas do colapso do viaduto da A-6

Calvo defende o proceso disciplinario aberto contra os edís populares de Sada impulsores da censura ao rexedor 

O monocasco Prestige, antes do seu afundimento
G24.gal 13/11/2022 10:54 Última actualización 13/11/2022 12:40

O vicepresidente segundo da Xunta Diego Calvo sostén nunha entrevista na Radio Galega que a seguridade marítima mellorou moito dende a catástrofe do Prestige. Co gallo do vinte aniversario do accidente do petroleiro, Calvo admite que un sinistro deste tipo podería volver producirse pero que, en todo caso, a resposta "ía ser moi distinta" porque, na súa opinión, daquela aprenderon moitas cousas.

"Claro que se pode producir, porque os grandes accidentes ás veces son por despistes doutro tipo. Pero do que si estamos seguros é de que temos moitísimos máis medios, que están moito mellor coordinados todos os medios que hai e que ante unha catástrofe parecida a resposta ía ser moi distinta e os efectos tamén. Iso é o que nos toca agora. Daquela aprendemos moito".

Paro camioneiros

O vicepresidente segundo da Xunta admite que no Goberno galego están "preocupados" ante a convocatoria de paro estatal realizada pola Plataforma en Defensa do Transporte que comeza a próxima medianoite. Na entrevista no Galicia por diante fin de semana, Calvo amosouse preocupado polas consecuencias que poida ter á luz do acontecido no paro da primavera e pide esforzos para poder desconvocalo. De non ser así, reclama que as forzas de seguridade garantan o funcionamento dos sectores máis vulnerables ante a folga dos camioneiros. 

"Espero que, se é necesario poñer en marcha eses corredores (dispositivos de seguridade),  funcionen ben e que determinados sectores, como foron as cadeas de alimentación, de distribución na folga anterior, tamén no tema do mar e no tema dos pensos, sobre todo para granxas, eses problemas non os volvan presentar. Preo creo que estamos a tempo de intentar que esa folga non se produza" .

Repartición de Fondos Europeos e Stellantis

O vicepresidente segundo da Xunta critica a xestión que o Goberno central fai dos fondos europeos e descualifica os PERTE (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica) deseñados. Na opinión de Calvo: "Os PERTE famosos que inventou o Goberno a día de hoxe non teñen aplicación práctica" e pon o exemplo do PERTE do automóbil, do que di que se fixo de "costas ao sector". Entende Calvo que o Goberno se equivoca "ao intentar manter todos os fondos porque non ten capacidade de xestión". 

No que atinxe a Stellantis Vigo e as súas posibilidades de recibir fondos no segundo PERTE do automóbil anunciado polo Goberno, o vicepresidente segundo agarda que na reunión do día 21 co Ministerio de Industria e o propio grupo automobilístico se dean solucións á factoría de Balaídos como se fixo para outras doutros puntos de España. 

"Non se pode deseñar algo de costas ao maior produtor que tes no país. Non só é o caso de Stellantis; foi o caso de Ford en Valencia, que parece que agora lle encontraron unha solución; o caso de Volkswagen en Cataluña, que parece que lle encontraron solución... Eu estou encantado de que lles encontren solución a todas as factorías de todas as comunidades autónomas, pero, ollo, todos somos iguais. Se llelas encontran a esas factorías téñenllas que encontrar a Stellantis". 

Viaduto A-6

Diego Calvo di agardar "claridade e educación" na reunión deste martes co Ministerio de Transportes para explicar as causas do colapso do viaduto da A-6 e abordar as solucións previstas. Segundo insistiu, hai "moitos meses que caeu un tramo dunha ponte" e a día de hoxe non sabemos cales son as causas.

Aí pon no foco a secretaria de Estado de Transportes, a quen lle apón criticar a Xunta por pedir transparencia e explicacións sobre esta infraestrutura. Segundo o vicepresidente segundo: "Como reclamamos información, claridade, e reclamamos transparencia, a secretaria de Estado de Infraestruturas cada vez que vén a Galicia acúsanos de todo".  E lembrou unha intervención recente de Isabel Pardo de Vera na Coruña, que, na opinión de Calvo, foi "inédita en calquera acto político da historia democrática de España".

Segundo Calvo: "Non ten sentido o que veu a facer aquí a criticar o Goberno galego por pedir explicacións e por pedir compromisos. Iso non ten sentido, iso non o vai facer a Cataluña, alí non se atreve". 

Censura en Sada

Diego Calvo, que preside o Partido Popular da provincia da Coruña, defende o proceso disciplinario aberto contra os edís populares de Sada impulsores, canda os socialistas e os de Alternativa dos Veciños, da moción de censura ao rexedor de Sadamaioría Benito Portela. Segundo insistiu, os edís do PP en Sada actuaron de costas ao partido, "sen dicirlle nada a ninguén", e conclúe que se actuaron así é porque sabían que "non ía ser autorizada".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade