2.300 mulleres foron diagnosticadas en Galicia de cancro de mama o ano pasado
As pacientes destacan a importancia da reconstrución inmediata
Reivindican máis axuda psicolóxica durante o proceso
"Botando crema notei un vultiño na mama dereita. Fun ao médico inmediatamente e ao cabo dun mes xa me dixeron que era cancro de mama".
Pasaron só 9 meses dende que a María José Sandamil lle deron a peor das noticias.
"A cirurxiá explicábame o que había, e cada vez era peor. Primeiro vanche quitar un pouquiño de mama, despois toda a mama, e ao final xa eran as dúas".
Someteuse a unha dobre mastectomía, da que destaca a importancia da reconstrución inmediata.
"Imos para a casa e temos que vernos ben. O proceso é longo e horrible, é necesario que cando nos miremos ao espello nos recoñezamos".
Ela é todo un exemplo de superación e fortaleza coa que reivindica agora máis apoio psicolóxico e axudas para os produtos que se necesitan para os coidados na casa.
"Que teña esas cicatrices non pasa nada, eu teño dúas cicatrices grandes e non pasa nada, son como as engurras, procuras non telas pero se as tes, rislle e xa está".
Venceu nunha loita difícil en que nunca faltaron brazos para arroupala.