Dez mortos e setenta feridos polo naufraxio de varias embarcacións na China
O presidente chinés Xi Jinping agarda que as autoridades locais poidan aprender destas leccións e reforzar as responsabilidades ante o incremento de incidentes deste tipo
A Administración Meteorolóxica da China advertira previamente sobre a chegada de intensas choivas torrenciais no sur e suroeste do país, incluída a zona onde se produciu o accidente

Un total de dez persoas faleceron tras o naufraxio de varias embarcacións nun río próximo á cidade de Qianxi, na provincia suroccidental chinesa de Guizhou, informou este luns a axencia oficial de noticias Xinhua.
O suceso ocorreu arredor das 16:40 horas (08:40 GMT) do domingo, cando envorcaban no río catro embarcacions por mor duns refachos de vento de intensidade forte. O naufraxio afectou a 84 persoas, que caeron á auga.
A Administración Meteorolóxica da China advertira previamente sobre a chegada de intensas choivas torrenciais no sur e suroeste do país, incluídas a provincia de Guizhou e a rexión autónoma de Guangxi.
Segundo os últimos datos do centro local de rescate, dez persoas faleceron e setenta quedaron feridas debido ao naufraxio. As catro persoas restantes saíron ilesas do accidente.
As autoridades provinciais despregaron preto de 500 efectivos de emerxencias, entre eles policías, bombeiros e persoal médico, para coordinar os labores de rescate e a procura dunha persoa desaparecida, cuxo corpo foi achado sen vida ao redor das 12:35 horas (04:35 GMT) deste luns, segundo informou a cadea estatal CCTV.
O presidente chinés Xi Jinping asegurou este domingo que se deben realizar todos os esforzos posibles para socorrer os feridos e pediu unha adecuada xestión dos asuntos relacionados coas vítimas e o acompañamento ás súas familias, sinalou Xinhua.
O mandatario recalcou que nos últimos anos ocorreron accidentes deste tipo con mortos e feridos en varias rexións do país, polo que instou as autoridades locais e aos departamentos pertinentes a aprenderen destas leccións, superar decididamente calquera actitude de compracencia e reforzar as responsabilidades.