Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dez mil vivendas públicas para 2030, o obxectivo do Pacto de Vivenda de Galicia

Dez mil vivendas públicas para 2030, o obxectivo do Pacto de Vivenda de Galicia

O acordo mobilizará un total de 7.000 millóns de euros entre fondos públicos e privados e xerará ou manterá preto de 60.000 postos de traballo

Rueda agradeceu o "compromiso" dos dezaseis concellos que cederon parcelas de balde

O presidente da Xunta e a conselleira de Vivenda na sinatura do pacto en Pontevedra. EFE/Salvador Sas
G24.gal 10/02/2026 16:30

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou este martes en Pontevedra o investimento de 2.000 millóns de euros para que Galicia alcance un parque de dez mil vivendas públicas no horizonte de 2030.

Ese é o obxectivo do Pacto de Vivenda de Galicia 2026-2039, unha “folla de ruta estratéxica” da que Rueda destacou que nace co “consenso” do sector.

Este pacto “serio e firme”, que rubricou este martes o presidente galego, é froito de “moito diálogo, planificación, execución e colaboración”, defendeu o titular da Xunta, que sostivo que “a partir de agora o que toca é cumprir”.

O dirixente autonómico sinalou que “Galicia calidade tamén é isto”, impulsar vivenda pública, “facela en prazo e facela ben”, para a continuación poder distribuíla “entre os que máis o necesitan e tamén entre os que máis o merecen”.

O financiamento do pacto recaerá maioritariamente en fondos propios da comunidade autónoma, que achegará 1.630 millóns de euros, o 82,67 % do total. A esta cifra sumaríanse 241 millóns procedentes do Estado e outros 100 millóns que chegarían a través de fondos europeos.

O acordo recollido neste pacto pola vivenda mobilizará un total de 7.000 millóns de euros entre fondos públicos e privados e permitirá xerar ou manter preto de 60.000 postos de traballo, subliñou Alfonso Rueda durante a súa intervención.

A este respecto, Rueda agradeceu o “compromiso” dos dezaseis municipios galegos que xa están a colaborar con este obxectivo e que xa cederon de balde diferentes parcelas á Xunta de Galicia para construír novos fogares, porque “ese é o camiño para seguir”.

O presidente da Xunta sinalou que, nestes momentos, o seu Goberno ten actualmente 3.000 vivendas en marcha nalgunha fase de execución, ás que se sumarán antes de que finalice o ano 1.000 máis, e as primeiras familias recibirán xa as súas chaves este 2026.

Este II Pacto de Vivenda de Galicia, que dá continuidade ao anterior plan iniciado en 2021, establece un compromiso orzamentario “sen precedentes”, reiterou Rueda, para garantir o dereito á vivenda.

“É un enorme reto a todos os niveis”, asegurou, engadindo que servirá ademais para poñer en valor a arquitectura, “porque todo isto pódese facer ben e mesmo bonito”.

Rueda apuntou que un dos puntos clave desta estratexia será o apoio específico á mocidade galega para facilitar a súa emancipación e proxectos de vida, polo que se potenciarán novas fórmulas, entre eles os aloxamentos compartidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade