Deteñen un mozo por acoitelar outro home en Carballo tras unha discusión de tráfico
Ao parecer, a agresión orixinouse tras recriminarlle ao arrestado a velocidade á que circulaba
A vítima foi trasladada ao hospital da Coruña e xa recibiu a alta

A Garda Civil de Carballo detivo un mozo de 25 anos por acoitelar outro home na parroquia de Ardaña. Segundo a familia da vítima, a agresión producíase nunha discusión entre os dous homes pola velocidade coa que circulaba o arrestado polo lugar do Castro, de onde son veciños.
Contan que a vítima foi chamarlle a atención á casa, e que o presunto agresor atacouno cun coitelo, asestándolle varias coiteladas nas costas e na cabeza.
Efectivos do 061 acudiron ao lugar para atender e estabilizar o ferido, de 31 anos. Trasladárono ao hospital á Coruña e xa recibiu a alta.
O presunto agresor foi arrestado pola Garda Civil, e conducido ao calabozo do cuartel de Carballo. En principio, non presentaba lesións. Foi posteriormente trasladado ao hospital na Coruña para facerlle as analíticas requiridas pola investigación. Está á espera de pasar a disposición xudicial.