Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detido un home por un posible asasinato machista en El Viso del Alcor (Sevilla)

Detido un home por un posible asasinato machista en El Viso del Alcor (Sevilla)

Está a ser investigado pola morte dunha muller no interior dunha vivenda en que se declarou un incendio

O corpo da vítima presentaba sinais de violencia provocados por unha arma branca

Ela non se atopaba inscrita no sistema VioGén, pero si o arrestado por unha relación con outra persoa

A muller tiña feridas de arma branca. EFE/David Arjona.
G24.gal 07/12/2025 08:09 Última actualización 07/12/2025 17:23

A Garda Civil detivo na noite deste sábado un home de 35 anos en relación coa morte dunha muller nunha vivenda da localidade sevillana de El Viso del Alcor, na que se declarou un incendio. O caso investígase como posible asasinato machista. 

Segundo informa o subdelegado do Goberno en Sevilla, Francisco Toscano, a muller, de 30 anos, presentaba feridas de arma branca. Tras o aviso de incendio, os axentes desprazáronse ao lugar e atoparon o cadáver.

A continuación, arrestaron o sospeitoso que podería manter algún tipo de relación sentimental coa vítima, nai dunha menor. Ela non estaba inscrita no sistema de protección das vítimas de violencia de xénero (VioGén), pero si o detido por unha relación con outra muller.

A autopsia e a investigación determinarán se a morte foi anterior ou posterior ao lume. O subdelegado do Goberno fixo un chamamento a denunciar toda manifestación de violencia machista e a pedir axuda.

"Calquera muller que se sinta minimamente ameazada ou calquera persoa da súa contorna acuda e formule as denuncias pertinentes ante as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado".

O detido "atópase en réxime hospitalario nestes momentos" baixo custodia policial e pasará a disposición xudicial "cando se considere pertinente", asegurou Toscano.

Agresores persistentes

De se confirmar que o detido foi o autor do crime formaría parte do grupo de agresores persistentes, homes que maltratan ao longo da súa vida varias parellas.

Segundo os últimos datos do Ministerio de Interior, un de cada cinco homes que comete violencia machista en España xa o fixera antes. Hai mais de 80.000 agresores deste tipo​​​​​​.

No que vai de ano, 42 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas e, dende que hai estatísticas oficiais, máis de 1.300.

Un axente acordoa o lugar dos feitos. EFE.

Minuto de silencio

Más de medio cento de persoas participaron ás doce do mediodía no minuto de silencio convocado polo Concello en memoria da súa veciña asasinada. Ao remate, o alcalde Gabriel Santos, condenou o sucedido no seu nome e no de todos os grupos municipais.

"O noso municipio atópase consternado polos feitos, lamentamos a triste noticia".

O Goberno municipal tamén decretou tres días de loito oficial, nos que as bandeiras ondearán a medio mastro en todos os edificios municipais. Do mesmo xeito, suspendeu o concurso de Hogueritas previsto para este domingo.

O Goberno municipal condenou "firmemente" os feitos e permanece ao dispor das autoridades competentes durante o desenvolvemento da investigación. Tamén lles trasladou o pésame, apoio e respecto á familia e persoas achegadas da vítima.

Minuto de silencio ás portas do Concello. EFE/David Arjona Minuto de silencio ás portas do Concello. EFE/David Arjona

Axuda ás vítimas

As vítimas e a súa contorna poden pedir axuda en distintos recursos activos todos os días da semana e as 24 horas: o teléfono 016, o correo electrónico 016-online@igualdad.gob.es e a canle do WhatsApp no número 600 000 016.

Nunha situación de perigo pódese chamar o 112 ou os teléfonos de emerxencias da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062) e, se non é posible, existe tamén a opción de activar a aplicación ALERTCOPS, que envía un sinal de alerta á Policía con xeolocalización.

Tamén a liña 900 100 114, especializada en atención de todo tipo de violencia de xénero, recolle chamadas 24 horas, os 365 días do ano, é gratuíta e non deixa rastro na factura telefónica.

Vista xeral de El Viso del Alcor. FOTO: concello vía EUROPA PRESS. Vista xeral de El Viso del Alcor. FOTO: concello vía EUROPA PRESS.
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade