Detido un home en Gondomar por dispararlle a unha muller cunha arma de aire comprimido
Foi necesaria a presenza dun negociador para que o home se entregase voluntariamente
A Garda Civil detivo un home de 52 anos que realizara varios disparos contra unha muller utilizando unha arma de aire comprimido. Os feitos ocorreron a semana pasada no barrio da Gándara, en Gondomar.
A intervención dun negociador do Instituto Armado foi clave para resolver sen incidentes o operativo. A denunciante informou de que cando accedía a unha vivenda, onde realizaba traballos de limpeza, un veciño efectuou dous disparos con balotes que pasaron a escasos centímetros do seu rostro.
A muller sufriu feridas leves durante a fuxida
Durante a fuxida, a muller sufriu lesións de carácter leve e solicitou posteriormente unha orde de protección. Unha vez tivo coñecemento dos feitos, a Garda Civil estableceu un dispositivo de vixilancia nas inmediacións do domicilio do sospeitoso. Posteriormente, o xulgado de garda de Vigo autorizou a entrada e rexistro na vivenda.
Dúas horas de negociación co investigado
Ante a posible presenza de armas no interior do inmoble, despregouse un operativo en que a actuación do negociador foi clave, xa que o axente logrou establecer unha canle de diálogo co investigado, "rebaixar a tensión existente e garantir unha resolución segura, tras case dúas horas" segundo informou a Garda Civil. Finalmente, o home accedeu a entregarse de maneira voluntaria e facilitou a arma presuntamente utilizada, xunto coa munición.