Deteñen un atracador en Lugo que empregou unha manobra de estragulamento
Un policía fóra de servizo perseguiu o suposto autor ata que conseguiu reducilo
A Policía Nacional detivo nas últimas horas un home en Lugo por un intento de roubo especialmente violento. De feito, estivo a piques de estrangular a vítima.
Os feitos aconteceron na rúa Conde. Un policía fóra de servizo circulaba co seu coche e escoitou pedir auxilio. Comprobou que a vítima xa estaba atendida por outra persoa e que dous homes fuxían do lugar, polo que decidiu perseguilos. Nun momento separáronse e seguiu a un.
Nun aparcadoiro de Paradai de Arriba foi onde se produciu a detención. A dúas rúas de aquí quedou a vítima atordada, mentres un policía fóra de servizo frustraba o atraco. O asaltante tentou fuxir á carreira polas rúas Eo e Sil.
Para o roubo empregou un método perigoso que pode causar a morte, coñecido como o 'mataleón'. Un sistema para inmobilizar a vítima que consiste en agarrala polo pescozo, desde as costas, e rodearlle a gorxa co brazo para cortarlle a chegada do sangue ao cerebro, e que quede sen osíxeno. A vítima tiña 74 anos. O detido xa é coñecido por ter antecedentes, pero ata o de agora nunca usara o método do 'mataleón' para os seus delitos.
Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional de Lugo di que "chegaron a un aparcadoiro próximo, o fuxido agochouse. Localizouno e saíu a correr e volveu outra vez ao aparcadoiro, onde chegaron os coches patrulla e finalmente puideron detelo. Era un dos asaltantes porque levaba as pertenzas que lle quitou ao pobre home".