Detido por agredir sexualmente catro nenos ucraínos asilados en Cartaxena
O home, que xa está en prisión, vivía en Cartaxena con familias de compatriotas desprazadas pola guerra e gañaba a confianza das nais para quedar a soas cos menores para facerlles tocamentos
Foi localizado en Lleida, cando intentaba fuxir de España

A Garda Civil, no marco da operación Opikum, detivo na localidade ilerdense de La Seu d'Urgell un home por agredir sexualmente a catro menores ucraínos que se atopaban asilados en Cartaxena.
Segundo informaron fontes deste corpo, o detido, que xa se atopa en prisión, vivía en Cartaxena con familias de compatriotas desprazadas polo conflito bélico de Ucraína e gañaba a confianza das nais para quedar a soas cos menores.
A operación iniciouse a finais de setembro, cando unha muller ucraína informou unha asociación de Cartaxena, dedicada a prestar apoio a desprazados e refuxiados, de que un compatriota que convivía no mesmo inmoble podía estar a agredir sexualmente os seus fillos, menores de idade.
Asistida por axentes sociais desta asociación, a nai desprazouse ao cuartel da Garda Civil de Cartaxena para denunciar o que os seus fillos lle contaron e explicou aos investigadores que o agora detido gañou a súa confianza e a dos nenos, cos que adoitaba xogar, e aproveitaba os momentos en que quedaba a soas con eles para realizarlles tocamentos en zonas íntimas.
Unha vez que a nai soubo o que estaba a ocorrer, falou con outras compatriotas, nais de menores que tamén se relacionaban con este home, e dúas delas presentaron senllas denuncias que apuntaban ao sospeitoso como autor de varias agresións sexuais.
Os axentes pescudaron que o detido tiña certos vínculos no municipio ilerdense de La Seu d'Urgell, lugar ao que fuxira coa intención de abandonar o territorio nacional e onde foi localizado.
No momento da súa detención fóronlle intervidos catro teléfonos móbiles e unhas lentes de sol, con cámara oculta integrada, que están a ser analizados.
A operación Opikum continúa aberta ata que sexan analizados os dispositivos de almacenamento tecnolóxico comisados e determine se conteñen arquivos relacionados coa investigación.