Detido o presunto autor do asasinato dun home nunha vivenda ocupada do barrio dos Mallos
Vítima e detido tiveran unha liorta por unha débeda de 100 euros
Ambos contan con numerosos antecedentes por roubos e venda de droga
O presunto asasinato ocorreu no segundo andar do edificio situado no número 58 da rúa Biscaia, no barrio dos Mallos. Un lugar onde a presenza policial é frecuente, polo que non sorprendeu aos veciños da zona.
Trátase dunha vivenda ocupada ilegalmente, onde os veciños e a maioría de propietarios de establecementos próximos, que rexeitan falar ante as cámaras por medo a represalias, aseguran que hai consumo e movemento de droga.
As primeiras investigacións apuntan precisamente a unha liorta entre o detido e a vítima, ambos consumidores, por unha débeda de 100 euros como causa do presunto asasinato. O falecido é un varón de 42 anos de nacionalidade belga e residente desde hai anos na Coruña.
O detido, que permanece no cuartel de Lonzas á espera de pasar a disposición xudicial, é un home de 41 anos de orixe magrebí.
Ambos son coñecidos no barrio e contan con numerosos antecedentes e detencións por furtos en establecementos de alimentación e na rúa e por venda de droga.
A Policia Xudicial investiga as circunstancias nas que se produciu o suceso.