Detidas tres persoas e investigadas 22 por incendios forestais en Galicia
“Quen prenda lume de forma intencionada non quedará impune”, advertiu o delegado do Goberno en Galicia
As autoridades piden colaboración cidadá para identificar os responsables de incendios

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, pediu a colaboración da cidadanía para achegar información sobre posibles responsables dos incendios forestais que se están rexistrando en Galicia. Desde xullo, a Garda Civil detivo tres persoas e investiga outras 22.
Blanco subliñou o traballo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que desenvolven un operativo intensivo para identificar e deter quen provoque incendios forestais. No marco deste dispositivo, a Garda Civil habilitou un gabinete específico no Centro de Coordinación Operativa (CECOP) de Ourense para centralizar información, coordinar investigacións e reforzar a cooperación cos servizos de emerxencia e co resto de administracións implicadas.
Unidades especializadas reforzan a investigación
“Quen prenda lume de forma intencionada non quedará impune”, advertiu o delegado, quen asegurou que cada foco, cada chispa e cada movemento están baixo vixilancia. Engadiu que a actividade policial inclúe a recollida de indicios no terreo, a análise da información achegada polos equipos de extinción e pola cidadanía, así como o despregue de patrullas en zonas de risco para previr novos focos.
O operativo tamén conta coa colaboración de unidades especializadas na investigación de incendios forestais. Blanco insistiu en que calquera información que poida axudar a identificar os responsables debe comunicarse de inmediato ás autoridades.
O Goberno de España reitera a súa condena a calquera acto intencionado que provoque un incendio forestal e comprométese a empregar todos os recursos dispoñibles para levar os culpables ante a Xustiza.