Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detidas sete persoas nunha operación antidroga en Ferrolterra

Detidas sete persoas nunha operación antidroga en Ferrolterra

Incautáronse de 7.000 doses de heroína na cidade de Ferrol e de 17.000 euros en metálico

"A organización criminal dispoñía de varios pisos en Ferrol para a distribución de estupefacientes", di a policía

Tamén se dedicaban ao branqueo de cartos procedentes do tráfico de drogas e á coordinación dunha granxa de minería de criptomoedas

G24.gal 21/07/2022 09:34 Última actualización 21/07/2022 13:04

A Policía Nacional detén sete persoas na área de Ferrol tras desarticular unha organización criminal con actividade en varias provincias e dedicada ao transporte e distribución de estupefacientes en Galicia.

Na operación incautáronse dunhas 7.000 doses de heroína na cidade de Ferrol, nesta operación denominada Ollomol. A Policía estima que a "organización criminal dispoñía de varios pisos en Ferrol para a distribución de estupefacientes".

Segundo a investigación, os integrantes dedicábanse tanto ao "branqueo de diñeiro procedente do tráfico de drogas" como á coordinación dunha "granxa de minería de criptomoedas".

A Comisaría de Ferrol informou que a operación foi dirixida polo xulgado de instrución número dous da cidade.

Canda a heroína, tamén se recolleron uns 17.000 euros en metálico e tres vehículos, entre outros efectos. Ao mesmo tempo, a Policía Nacional informou de que se realizaron catro rexistros domiciliarios e nun local "onde se atopaba unha granxa de minería de criptomoedas".

"A organización criminal desarticulada, asentada principalmente na provincia da Coruña, en Ferrol e Narón, estaba considerada unha das máis activas tanto no transporte como na distribución de estupefacientes na comarca de Ferrolterra", explicou a policía.

A investigación comezou o pasado mes de xaneiro, despois de detectar a policía "o desprazamento de persoas de Ferrol ás Rías Baixas para negociar o traslado".

Posteriormente, os axentes determinaron "o modus operandi da organización para o transporte" e distribución e a "localización dos inmobles para a custodia da droga antes da súa distribución".

O seu máximo responsable tamén "se dedicaba ao branqueo de diñeiro procedente do tráfico de estupefacientes a través dunha granxa de minería de criptomoedas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade