Catro novos detidos polas pelexas da pasada fin de semana en Lugo
Un mozo ingresou con feridas de arma branca e outros dous en estado grave
A Policía Nacional detivo a última hora deste venres catro varóns de entre 24 e 26 anos implicados nas tres pelexas que se produciron a fin de semana pasada en Lugo.
Nunha delas, un mozo acabou ingresado no hospital Lucus Augusti (HULA) por dúas feridas de arma branca. Outra, rematou con dous feridos de gravidade.
En total houbo cinco detencións, posto que o día dos feitos a policía xa arrestara un mozo que tras pasar a disposición xudicial quedou en liberdade con cargos e medidas cautelares como investigado por un delito de lesións agravadas.
Os catro detidos desta noite, todos eles con antecedentes policiais, están á espera de pasar a disposición xudicial e están imputados por delitos de tentativa de homicidio, lesións graves, roubo con violencia e ameazas.