Detidas 35 persoas, dúas delas en Galicia, por intercambiar pornografía infantil en Internet
Un dos arrestados agrediu sexualmente dúas nenas e outro utilizou unha consola de videoxogos para almacenar contido pornográfico
En Galicia as detencións producíronse nas provincia de Pontevedra e Ourense

A Policía Nacional detivo 35 persoas en 21 provincias españolas por almacenar e intercambiar pornografía infantil a través de mensaxería instantánea. A investigación, iniciada grazas á colaboración cidadá, permitiu detectar que un dos detidos en Salamanca agredira sexualmente dúas nenas de pouca idade.
Ademais dos detidos, sete persoas foron investigadas polo uso de servizos de almacenamento de pornografía infantil e nos 42 rexistros levados a cabo interviñéronse un total de 112 dispositivos de almacenamento.
Os arrestos practicáronse en Madrid (5), Alacant (4), Barcelona (4), Castelló (3), Valencia (3), Málaga (2), Salamanca (1), Asturias (1), Cáceres (1), A Rioxa (1), Pontevedra (1), Huelva (1), León (1), Cádiz (1), Albacete (1), Biscaia (1), Navarra (1), As Palmas (1), Sevilla (1) e Ourense (1), segundo informou a Policía Nacional.
A investigación comezou por mor dun correo de colaboración cidadá en que se alertaba sobre unha posible ligazón que contiña imaxes de explotación sexual infantil. Grazas á cooperación de empresas dedicadas ao almacenamento masivo na nube e ao cruzamento de datos interno coas autoridades policiais, puido obterse información respecto a quen presuntamente descargarían estas imaxes detectadas na ligazón.
Contas na nube
Un dos detidos en Madrid chegou a usar ata 14 contas diferentes de almacenamento na nube, e durante o rexistro que se practicou no seu domicilio detectáronse unha gran cantidade de imaxes ilícitas en diferentes dispositivos.
Outro dos detidos, arrestado en Albacete, almacenaba máis de 10 xigabytes de contido pornográfico infantil nunha conta de almacenamento na nube e nunha aplicación de mensaxería instantánea.
As indagacións dos axentes tamén puideron detectar que un dos detidos, na provincia de Castelló, utilizaba unha consola de videoxogos para almacenar imaxes de pornografía infantil.
Durante o rexistro no domicilio dun detido na provincia de Biscaia puido comprobarse que dispoñía dun almacenamento na nube de 50 GB de capacidade, dos cales tiña 48 ocupados con imaxes gardadas de agresións sexuais a nenos.
En total leváronse a cabo 42 entradas e rexistros nos que se interviñeron 39 discos duros, 46 tarxetas de memoria, 27 memorias USB, 58 teléfonos móbiles, 16 computadores portátiles e 6 de sobremesa, 2 consolas de videoxogos e documentación relevante para a investigación.
A colaboración entre empresas prestadoras de servizos e os investigadores da Unidade Central de Ciberdelincuencia foi fundamental para combater o tráfico de pornografía infantil, segundo destacou a Policía Nacional.