Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen catro persoas e buscan tres máis por un alugueiro fraudulento na Coruña

Deteñen catro persoas e buscan tres máis por un alugueiro fraudulento na Coruña

Ofrecéronlle axuda á vítima para a mudanza, polo que deixou o piso en que vivía e quedou na rúa coas súas cousas

G24.gal 23/04/2022 11:24

A Garda Civil da Coruña, en colaboración con unidades de Córdoba, Granada e Cádiz, detivo catro persoas e busca outras tres, todas residentes en Andalucía, polo alugueiro fraudulento dunha vivenda na Coruña. Supostamente estafaron a unha muller case 1.500 euros.

Os feitos sucederon tras unha denuncia dunha veciña de Arteixo en outubro de 2020, na que dicía que publicou un anuncio nunha coñecida páxina de Internet para buscar unha vivenda.

No seu relato asegura que unha persoa contactou de xeito inmediato con ela e proporcionoulle fotografías dun suposto piso que tiña en alugamento e "como a inquilina tiña présa acordaron o pagamento", matiza a Garda Civil no seu comunicado.

Acordaron diversas citas en lugares da cidade, pero o suposto estafador non se presentaba.

Mesmo se prestou a axudala coa mudanza recolléndoa no seu vehículo, polo que a muller abandonou o domicilio en que vivía, pero o suposto propietario non chegou a recollela e quedou na rúa cos seus obxectos persoais.

As investigacións do equipo da Coruña contra a ciberdelincuencia estableceu o xeito de actuar do grupo criminal: o líder analizaba en distintos portais inmobiliarios a compra-venda de vivendas e a busca activa de alugueiro de pisos, copiaba as fotos e características dos dispoñibles noutras plataformas que se axustaran ás necesidades do anuncio da vítima e ofrecía de xeito directo a vivenda por un importe por debaixo do prezo do mercado.

Tras diversos enganos solicitoulle diversos pagamentos para fianza e gastos de xestoría. A muller chegou a ingresar 1.490 euros en distintas contas bancarias.

A operación denominada "Garganta" realizouse en distintas provincias españolas para a localización, detención e investigación de sete persoas de entre 25 e 28 anos como supostos autores dos feitos.

Xa se logrou a detención de catro dos sete implicados, concretamente dous estudantes de Granada, unha persoa en Córdoba e outra en Ubrique. O resto dos implicados na estafa, tres varóns que viven en Cádiz e Granada están en busca e captura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade