Deteñen catro persoas en Sada tras roubarlle o móbil a un menor e golpear un adulto
Tres homes e tres mulleres agrediron con paus o pai do pequeno de 11 anos e un amigo cando querían recuperar o terminal
O amigo do proxenitor permanece ingresado nun hospital por mor das lesións que lle causaron
Dous dos supostos agresores ingresaron en prisión
Parque das Brañas en Sada
Axentes da Garda Civil detiveron catro persoas tras roubarlle o teléfono móbil a un mozo menor de idade e golpear un home no municipio coruñés de Sada o pasado 25 de xullo.
Dúas delas xa ingresaron en prisión. Os feitos producíronse a pasada semana cando un home achegouse ao pequeno, de 11 anos, no parque das Brañas de Sada e este comezou a berrar que "o roubaban".
A familia da vítima, que estaba preto, comezou a perseguir o suposto agresor, un home de 44 anos, para que devolvese o obxecto roubado. No transcurso desta persecución, o agresor caeu ao chan e os dous homes, pai da vítima e un amigo, pedíronlle a faldriqueira onde supostamente levaba o móbil do rapaz.
Nese momento apareceron varios familiares do autor do roubo que, con obxectos contundentes e tamén a patadas arremeteron contra o pai da vítima e o amigo, que levou a peor parte da agresión.
O home, por mor das lesións que lle causaron, permanece ingresado no hospital. Por todo iso, os axentes detiveron a catro persoas, dúas delas entraron en prisión e dúas están en liberdade.
A familia protagonista da liorta é coñecida polos veciños na zona da rúa A Lagoa de Sada pola súa actitude que din é "violenta e inadaptada", polo que reclaman desde hai tempo protección.