Deteñen 26 persoas por pintar graffiti en trens de toda España, un na Coruña
Danaron vagóns de ferrocarril de distintos operadores e de metro e tamén instalacións de diferentes lugares de España por valor de máis de 900.000 euros
A Policía Nacional detivo 26 persoas por pintaren graffiti en trens de diferentes puntos de España que xeraron un prexuízo económico de máis de 900.000 euros.
Doce dos arrestos realizáronse en Madrid, nove en Cataluña e os demais en Valencia, San Sebastián, A Coruña, Mieres e Medina del Campo, informa a Dirección Xeral da Policía.
Trátase da operación Tinta, na que a policía esclareceu 96 feitos delituosos en Cataluña (nas provincias de Barcelona e Xirona), 75 delitos de danos e sete de desordes públicas en distintas localidades da Comunidade de Madrid e sete de danos en Medina del Campo, cinco na Coruña, catro en Mieres, tres no País Vasco e un en Valencia.
A complexidade da investigación radicou na dificultade para identificar os autores dos feitos debido ao carácter itinerante das súas accións e ao modo de operar que empregaban.
Os detidos accedían ás estacións por zonas non habilitadas para os usuarios variando os días e as franxas horarias, ocultando os rostros e pintando grandes superficies en moi pouco tempo.
Danaron vagóns de ferrocarril de distintos operadores e de metro e instalacións de diferentes lugares de España.
As pescudas requiriron unha exhaustiva análise das denuncias e unha gran coordinación de diferentes unidades policiais.
Por mor de operacións precedentes, a policía realizou contactos periódicos coas principais operadoras ferroviarias e observou un elevado número de feitos delituosos desta tipoloxía.