Publicador de contidos
Publicador de contidos

Francisco dálle un adeus definitivo e emocionado a Bieito XVI

Francisco dálle un adeus definitivo e emocionado a Bieito XVI

Os restos de Joseph Ratzinger descansan xa nas grutas vaticanas, despois dunha cerimonia sobria e solemne que congregou máis de 50.000 persoas na praza de San Pedro

 Foi un funeral histórico, no que Francisco presidiu a cerimonia na honra do seu antecesor

O papa Francisco pousa a man sobre o cadaleito de Bieito XVI antes de abandonar a praza de San Pedro
G24.gal 04/01/2023 17:02 Última actualización 05/01/2023 14:54

O papa emérito Bieito XVI, de quen Francisco destacou a súa "sabedoría" durante a homilía de misa funeral, foi despedido este xoves nunha sobria cerimonia na praza de San Pedro do Vaticano ante unhas 50.000 persoas, antes de ser enterrado na tumba que pertenceu ao seu admirado Xoán Paulo II.

No que é case unha circunstancia inédita na historia da Igrexa católica, o pontífice arxentino presidiu o funeral do seu predecesor, falecido o pasado 31 de decembro aos 95 anos, unha década despois da súa histórica renuncia ao pontificado, e que foi oficiado polo decano do Colexio Cardinalicio, o italiano Giovani Battista Re.

As exequias do papa alemán, concelebradas por 130 cardeais, 400 bispos e 4.000 sacerdotes, foron moi similares aos dos anteriores pontífices, aínda que con algunhas diferenzas, ao non ser Bieito XVI papa "reinante", como que no Vaticano non se declarou día de loito e todo permaneceu aberto.

 

O féretro cos restos mortais foi trasladado aos ombreiros por doce sediarios, os portadores das antigas cadeiras xestatorias, ata o atrio dunha praza de San Pedro envolta hoxe por unha densa néboa desde o interior da basílica, onde fora instalada a capela ardente, visitada por preto de 200.000 persoas durante os tres días previos ao funeral.

Un forte aplauso acolleu a aparición do cadaleito, que foi situado diante do altar mentres soaban as campás a morto e o secretario persoal de Bieito XVI, monseñor Georg Ganswein, colocaba sobre el un libro dos Evanxeos aberto, tras o cal comezou o rezo do rosario que precedía á cerimonia.

O papa Francisco destacou a "sabedoría, delicadeza e entrega" que Bieito XVI "soubo esparexer ao longo dos anos" na súa homilía, que leu sentado debido aos seus problemas de xeonllo e que comezou coas últimas palabras que o Señor pronunciou na cruz segundo o Evanxeo: "Pai, nas túas mans encomendo o meu espírito",

"Como as mulleres do Evanxeo no sepulcro, estamos aquí co perfume da gratitude e o ungüento da esperanza para demostrarlle, unha vez máis, ese amor que non se perde; queremos facelo coa mesma unción, sabedoría, delicadeza e entrega que el soubo esparexer ao longo dos anos", engadiu Jorge Bergoglio, que fixo moi poucas referencias explícitas ao emérito.

Tras o funeral, os restos foron trasladados ás Grutas Vaticanas, situadas baixo a basílica de San Pedro e onde están enterrados os papas, para ser exhumados na tumba que pertenceu a san Xoán Paulo II, por expreso desexo de Ratzinger.

Antes de entrar na basílica, Francisco detívose de pé algúns minutos e pousou a súa man sobre o féretro.

Preto de 50.000 persoas asistiron ao funeral.  Algúns fieis sostiveron nunha gran pancarta en que se lía "Santo Subito" (Santo xa). 

Segundo o plan de seguridade aprobado pola Policía da capital italiana, pechouse o espazo aéreo en toda a zona e puxéronse a disposición helicópteros, francotiradores, corpos especiais, incluídos os de loita contra o terrorismo, bombeiros e a policía municipal. En total haberá máis de 1.000 axentes empregados.

O funeral non era de Estado, polo que as autoridades acudiron a título persoal e só dúas delegacións tiveron carácter de oficial, a de Italia e a do país natal de Ratzinger, Alemaña, encabezadas polos seus presidentes, Sergio Mattarella e Frank-Walter Steinmeier, respectivamente.

Entre os dignatarios de 20 países presentes estiveron a raíña honorífica dona Sofía de España, os monarcas Filipe e Matilde de Bélxica ou o chanceler colombiano, Álvaro Leyva Durán, así como o presidente de Polonia, Andrzej Duda; a de Eslovenia, Natasa Pirc Musar; o de Togo, Faure Essozinma Gnassingbe, e a de Hungría, Katalin Novak.

Tamén estivo representado o Patriarcado ortodoxo de Rusia, co metropolita Antonij dei Volokolamsk, así como a comunidade xudía de Roma e a Comunidade Relixiosa Islámica Italiana (COREIS), co seu vicepresidente Yahya Pallavicini. 

O ministro da Presidencia, Félix Bolaños, reiterou as condolencias da raíña Sofía e da delegación española e enxalzou a súa figura pola súa vocación intelectual e por ser exemplo de "xenerosidade" e "valentía" cando renunciou ao seu pontificado.

"O seu pontificado non foi longo, pero a súa vocación intelectual, o seu exemplo de valentía e xenerosidade son sen dúbida o seu gran legado", resaltou Bolaños nunhas declaracións remitidas aos medios de comunicación antes de participar nas exequias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade