Entidades galegas participan no deseño dun exoesqueleto para axudar no coidado de persoas dependentes
Entidades galegas participan no deseño dun exoesqueleto para axudar no coidado de persoas dependentes
Impulsado pola Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña, en Exocare colaboran outras entidades galegas e do norte de Portugal
Aínda que de entrada está pensado para profesionais sanitarios, a idea é que nun futuro se poida distribuír en domicilios onde haxa maiores dependentes
Ata o de agora, os exoesqueletos relacionados coa saúde tiñan como destinatarias as persoas con problemas de mobilidade. Pola contra, os profesionais que coidan de dependentes apenas dispoñían de ferramentas axeitadas. A longo prazo, o corpo pásalles factura.
"Un trinta por cento das baixas laborais por enfermidades profesionais do persoal sanitario que traballa en centros de dependencia se debe a trastornos muscoesqueléticos relacionados co movemento de cargas", conta Jesús Vázquez, decano da Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña.
Para lle poñer remedio nace o proxecto Exocare, impulsado pola Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña en que colaboran outras entidades galegas e do norte de Portugal, unha zona afectada polo mesmo problema de poboación envellecida.
"A idea inicial é axudar os que coidan, os enfermeiros, pero debe continuar desenvolvéndose para que calquera persoa que na casa coida dunha persoa dependente poida solicitar un exoesqueleto no seu centro médico para valerse desta solución", engade Vázquez.
Exocare estará rematado a finais de 2028. A patente e a posibilidade de crear emprego coa súa industrialización, quedan na Coruña.