Os concellos teñen ata fin de mes para pedir máis financiamento do Servizo de Axuda no Fogar
Máis de 20.000 galegos dependentes poden seguir vivindo na contorna familiar e veciñal grazas a este servizo que este ano aumenta o seu financiamento
"Ola, Carmen, bos días", saúda María, a auxiliar que lles presta axuda no fogar.
Así comeza o día para María. A casa de Herminio e Carmen é a primeira das 3 que ten que atender. Herminio é o que necesita máis axuda.
"Corto pelo, afeito, limpo as uñas das mans, dos pés", relata María Cardoso, auxiliar de xeriatría.
Para atender este matrimonio ten unha hora e corenta e cinco minutos. Ademais do aseo, fai tamén os labores domésticos. De luns a venres a axuda de María permítelles seguir vivindo no seu fogar.
"Claro, porque nós temos os fillos á súa vida, están casados, teñen fillos e están traballando", explica Herminio Méndez, usuario do Servizo de Axuda no Fogar.
O día a día de Carmen e Herminio cambiou dende que hai ano e medio empezaron a recibir a axuda no fogar. A alternativa que lles quedaba era fóra da aldea e non era o que soñaban para o final das súas vidas.
"A alternativa é pechar a porta e marchar para onda os fillos, e iso Herminio non o quere, non o quere por nada", apunta Carmen Fernández, a súa dona.
Por este servizo pagan 49 euros ao mes. O resto corre a cargo das administracións.
"O noso traballo non é soamente cansazo físico, tamén psicolóxico, porque temos que lidar cos pacientes, coa xente enferma e tamén coa familia", conclúe María.