O Goberno destinará 2.218 millóns extra para dependencia, "o maior investimento da historia democrática"
O Goberno destinará 2.218 millóns extra para dependencia, "o maior investimento da historia democrática"
O Goberno aprobará este martes en Consello de Ministros o real decreto lei
Podes seguir a conferencia de prensa posterior á xuntanza do Goberno en www.g24.gal a partir das 13:00 horas
TVG
O Goberno aprobará este martes en Consello de Ministros un real decreto lei "co maior investimento en dependencia da historia da democracia" que ascende a un total de 2.218 millóns de euros extra, segundo anunciou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
"Hoxe o Consello de Ministros e Ministras, que imos celebrar en escasos minutos, vai aprobar un real decreto lei co maior investimento en dependencia da nosa historia democrática. Estamos a falar en concreto de 2.218 millóns de euros extra para coidar máis e mellor a quen máis o necesitan", avanzou Sánchez, este martes, nun encontro sobre políticas de apoio á discapacidade e á dependencia, na sede do Imserso.
Segundo precisou, este investimento "case multiplica por cinco" o financiamento estatal desde a súa chegada ao Executivo e "vai permitir cumprir cun dos grandes compromisos desta lexislatura": que "a Administración Xeral do Estado financie o 50 % do sistema de dependencia elevando a súa achega ata superar os 7.200 millóns de euros no ano 2027".
Trátase dunha reforma estrutural que amplía as contías que o Estado transfire aos gobernos autonómicos por cada persoa que ten recoñecido un grao de dependencia, e implica duplicar as contías das persoas que requiren máis apoios.