Desconvocada a folga indefinida das ITV galegas tras o preacordo coa patronal
Desconvocada a folga indefinida das ITV galegas tras o preacordo coa patronal
O persoal celebrou asembleas nas catro provincias e aceptou o preacordo con 241 votos a favor e 155 en contra
O persoal das estacións de inspección técnica de vehículos (ITV) de Galicia desconvocou a folga indefinida tras aceptar un preacordo coa patronal.
Nas catro provincias celebraron asembleas para decidir se aceptaban debater a proposta de acordo presentada pola empresa durante un proceso de mediación celebrado no Consello Galego de Relacións Laborais ou se van á folga o día 23.
Os sindicatos que conforman a mesa de negociación das ITV de Galicia -CSIF CIG, UXT e CCOO- aprazaran a folga indefinida prevista a partir do vindeiro luns 16, para dar marxe ao debate da proposta.
Piden a negociación da xornada laboral e a posibilidade de librar os sábados, así como a reclamación dun equilibrio salarial entre os diferentes postos, co fin de evitar os desequilibrios entre categorías profesionais e o plus de quendas de rotatorios.
As asembleas tiveron un resultado de 241 votos a favor do preacordo e 155 en contra, aínda que o "si" só gañou na Coruña (116 contra 27 votos), onde están as oficinas centrais e a dirección.