Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desarticulada unha sólida estrutura criminal da Coruña e Pontevedra que vendía droga nunha tenda de roupa

Desarticulada unha sólida estrutura criminal da Coruña e Pontevedra que vendía droga nunha tenda de roupa

O seu centro de operacións era unha tenda de zapatillas e roupa deportiva de gama alta da Coruña que usaban para a venda directa de estupefacientes

Os distribuidores coruñeses conseguían a droga a través dun individuo con amplos antecedentes e investigado polas Unidades de Droga e Crime Organizado de Pontevedra e Vigo

Na operación interviñéronse uns 5,5 quilos de cocaína, marihuana, substancias de corte, 40.000 euros en efectivo e varios vehículos de gama alta

G24.gal 27/01/2026 13:11

A Policía Nacional, a Garda Civil e Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria dan por desarticulada unha organización criminal dedicada ao tráfico de drogas entre A Coruña e Pontevedra tras unha operación que concluíu con oito detidos e 12 rexistros domiciliarios.

Segundo informaron este martes a Garda Civil e a Axencia Tributaria, a investigación iniciouse en marzo de 2025, tras detectar unha vía de entrada de estupefacientes na Coruña, polo que o EDOA da Comandancia da Garda Civil da Coruña e a UDYCO da Policía Nacional da Coruña estableceron un equipo conxunto.

As pescudas permitiron identificar que o centro de operacións na cidade herculina era unha tenda de zapatillas e roupa deportiva de gama alta. Segundo os investigadores, os responsables do negocio utilizaban a actividade comercial como pantalla para a venda directa de substancias estupefacientes.

O avance da operación, á que denominaron Galpón/Zailed/Boksi, revelou que os distribuidores da Coruña se abastecían a través dun individuo con amplos antecedentes, residente en Pontevedra. Este suxeito estaba a ser investigado simultaneamente pola UDYCO 1 de Vigo, a UDYCO 1 de Pontevedra e a Unidade Operativa de Vixilancia Aduaneira de Vigo.

A coordinación entre todas as unidades permitiu descubrir que o principal subministrador colaboraba á súa vez con dous individuos da zona de Lourizán, quen tiña a capacidade loxística de mobilizar importantes partidas de cocaína procedentes da comarca do Salnés.

Os investigadores detectaron diferentes transportes de substancias estupefacientes por carreta. Tras identificar aos principais implicados, localizouse unha construción tipo alboio nas inmediacións de Pontevedra que estaba a ser usada por parte da organización para o intercambio de paquetes de cocaína. Tras varias vixilancias, conseguiuse identificar a periodicidade dos envíos e o modus operandi dos investigados.

O pasado día 15 de xaneiro, detectouse a un investigado que estaba a ocultar nun lateral do alboio unha bolsa que podería conter substancias estupefacientes. Interveuse a bolsa, que resultou conter dous paquetes dun quilo de cocaína cada un.

A partir destes feitos intensificáronse as vixilancias. Así, o pasado día 16 de xaneiro detectouse a un dos vehículos investigados circulando pola autoestrada AP-9 dirección A Coruña. Decidiuse interceptar o vehículo e identificar o seu ocupante e comprobouse que se trataba doutro dos principais investigados e descubriuse que portaba no vehículo tres paquetes dun quilo de cocaína cada un.

O 20 de xaneiro, ante a inminente distribución dunha partida de droga, procedeuse á explotación da operación, baixo a tutela do Xulgado de Instrución Número 3 da Coruña. A operación concluíu coa detención de oito persoas por presuntos delitos de pertenza a organización criminal e tráfico de drogas -sete ingresaron en prisión- e 12 entradas e rexistros en inmobles da Coruña, Arteixo, Ferrol e Pontevedra.

Ademais, interviñéronse aproximadamente 5,5 quilos de cocaína de gran pureza, diversas cantidades de marihuana, substancias de corte, preto de 40.000 euros en efectivo, varios vehículos de alta gama empregados para o transporte da droga, unha defensa extensible e un dispositivo electrónico de control (táser). 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade