A fiscal reafirma a petición de prisión permanente revisable para os acusados de tiraren un bebé prematuro ao lixo
A fiscal reafirma a petición de prisión permanente revisable para os acusados de tiraren un bebé prematuro ao lixo
Cualifícao de asasinato, porque di que a nai e o tío do bebé "aceptaron que tirando a bebé ao contedor ía morrer"
A nai di que "non sabía que estaba viva" e que "tirala ao lixo foi o maior erro da súa vida"
O caso estase xulgando por segunda vez con xurado na Audiencia Provincial de Palma de Malloca
A nai da meniña que botaron a un contedor do lixo xusto despois do parto recoñeceu nunha das gravacións oídas este mércores, no xuízo que se celebra na Audiencia Provincial de Mallorca, que ela non sabía que estaba viva e que facer iso "foi o maior erro da súa vida".
O seu cuñado está tamén acusado da morte da criatura. Conducía o coche en que o dous de novembro de 2023 se produciu o parto na localidade de Porto Cristo, cando muller estaba entre a semana 26 e 27 de xestación.
Na súa declaración, o acusado dixo que se baixou do coche e que ao pouco a nai lle dixo "pon iso aí", referíndose ao contedor, e que logo marcharon. Canda eles ía tamén a súa muller, irmá da nai, que está acusada da omisión do deber de socorro, cunha sanción de 5.400 euros.
Na sesión de hoxe, na que remata a fase de probas do xuízo, a fiscala reafirmouse na súa petición de prisión permanente revisable para os dous principais acusados porque considera que "hai intencion de matar", xa que "aceptaron que tirando a bebé ao contedor ía morrer. E tiñan un hospital a 400 metros".
A pequena foi rescatada pola Policía Local, despois da alerta dun veciño. Os informes forenses presentados no xuízo, conclúen que "o feto naceu con vida, pero cunha expectativa de vida de moi poucos minutos".
Esta é a segunda vez que se celebra o xuizo, xa que o primeiro foi anulado o ano pasado polas dúbidas sobre a capacitación legal do perito da defensa, unha cuestión que podería prexudicar os seus dereitos de defensa. Agora si, será o xurado o que terá que dar o seu veredicto.
O bebé foi abandonado o 3 de novembro de 2023 nun contedor da localidade mallorquina de Porto Cristo