Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desartellan en Carballo un grupo criminal que estafaba empresas por Internet

Desartellan en Carballo un grupo criminal que estafaba empresas por Internet

A Garda Civil detivo oito persoas, entre elas o xefe da organización

G24.gal 30/06/2022 11:12

A Garda Civil detivo oito persoas como parte dunha operación que serviu para desarticular un grupo de supostos ciberdelincuentes especializados en estafas a través de Internet con base na localidade coruñesa de Carballo.

Segundo informa o instituto armado esta mañá nun comunicado, o pasado 16 de xuño levaron a cabo tres rexistros domiciliarios neste municipio, que se saldaron con estas oito detencións, que inclúen ao xefe da organización.

Con todo, a operación segue aberta no ámbito internacional, xa que parte da actividade do grupo se realizaba desde O Brasil, a onde xiraban importantes cantidades do diñeiro obtido ilicitamente, e xa se solicitaron "a distintos organismos policiais e xudiciais europeos e internacionais ordes de detencións doutros implicados".

As oito persoas detidas en Galicia eran supostamente responsables da estrutura dunha organización especializada en estafas tecnolóxicas a través do método Business Email Compromise, coa fórmula "da factura", consistente no pirateo de computadores de empresas mediante programas malignos con que conseguían obter datos corporativos como nomes, cargos, direccións ou correos electrónicos.

A partir deles, suplantaban a identidade dos responsables de operacións empresariais e enviaban correos contables facéndose pasar por provedores habituais nos que indicaban un número de conta bancaria diferente ao habitual para recibir os pagamentos.

A Garda Civil empezou a investigar este caso tras o rexistro de varias denuncias con nexos comúns sobre estes feitos, procedentes de diferentes provincias, como Córdoba, Granada, Toledo, Madrid, Valladolid ou Valencia.

"Os detidos formaban un grupo criminal perfectamente estruturado que tiña definidos os seus labores", apuntan no instituto armado, que describe unha rede xerárquica co xefe encargado da coordinación do equipo e da repartición dos beneficios acompañado por socios máis próximos para labores loxísticos e polas coñecidas como "mulas de diñeiro" como último elo da cadea.

As dilixencias instruídas foron remitidas ao xulgado de instrución un de Granada.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar