Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desaloxan veciños de aldeas do Courel e do Barco mentres os incendios avanzan cara ás vivendas

Desaloxan veciños de aldeas do Courel e do Barco mentres os incendios avanzan cara ás vivendas

Os lumes forestais xa arrasaron preto de 8.000 hectáreas en Galicia

Cercan varias aldeas do Barco, Carballeda de Valdeorras e do Courel

As lapas de Portugal entran a Galicia polo concello ourensán de Oímbra

G24.gal 17/07/2022 19:58 Última actualización 18/07/2022 09:37

Noite moi complicada no Barco de Valdeorras. Especialmente na parroquia de Alixo. Arderon 15 casas,  segundo confirmou o alcalde do Barco, Alfredo García, á Televisión de Galicia, algunhas delas habitadas.  Os veciños foron desaloxados en toda a aldea e tamén noutras como Santa Mariña. Son lugares con poucos veciños durante todo o ano pero que ven como aumenta a poboación durante o verán.

O Concello habilitou o Teatro Lauro Olmo para acoller os evacuados que de momento non foi necesario porque todos se reubicaron con familiares e amigos. 
O lume comezou en Carballeda e estendeuse ao Barco.  A prioridade está sendo protexer as aldeas e perimetrar o lume e que está mañá, coa axuda dos medios aéreos, poida avanzarse no control do incendio.

De feito o lume estaba estabilizado o domingo, pero reactivouse por mor do vento, as altísimas temperaturas e a baixa humidade. Segundo as últimas estimacións provisionais, leva arrasadas 2.400 hectáreas. Na zona están traballando 450 efectivos, contando a UME, 150 motobombas e 22 pas. 

Desaloxos na Pobra do Brollón

Malia que Medio Rural confiaba en estabilizar os lumes activos en Folgoso do Courel, Quiroga, A Pobra do Brollón e Samos a situación empeorou. A aldea de Parada dos Montes foi desaloxada ante o perigo das lapas.

A estrada provincial LU-P-4701 entre A Pobra do Brollón e Folgoso ten un treito cortado polo fogo. Os servizos de extinción nas zonas que arden aseguran que están ser moi complicados os traballos pola orografía da montaña da zona afectada, as altas temperaturas e a baixa humidade no ambiente.

Os sete grandes incendios rexistrados na Serra do Courel arrasaron máis de 3.000 hectáreas desde o xoves. Desde que comezou a vaga de incendios e conforme as últimas estimacións xa calcinaron en Galicia máis de 7.000 hectáreas. Lugo e Ourense son as provincias máis afectadas.

En Vilamor (Lugo) hai dous focos que superan as 2.000 hectáreas. Ambos teñen activado o nivel 2 de aviso pola proximidades ás casas de Parada de Montes. Tamén conta co nivel dous de alerta o de Seceda (Lugo) con máis de 1.000 hectáreas calcinadas. A alcaldesa do Folgoso afirmou que as lapas saltaron o propio corta lumes e asegura que están "desbordados".

A Xunta informa dun novo lume forestal en Cervantes, ademais de que seguen activos tres focos en Quiroga, todos en Lugo e outro en Vilariño de Conso, no Parque Natural do Invernadoiro, en Ourense con case 200 hectáreas queimadas.

Na parroquia de Ramil, en Palas de Rei decretouse a situación 2 de emerxencia no incendio que afecta á parroquia de Ramil pola proximidade das lapas aos núcleos de Pambre e Chorexe.

Este incendio comezou o domingo a mediodía e xa supera as 300 hectáreas calcinadas. 

Tamén están activos lumes de máis de 20 hectáreas non concellos de Antas de Ulla e Palas de Rei. Na parroquia de Santa Mariña do Castro de Amarante combaten as lapas os equipos de extinción. O mesmo acontece en Rodeiro, Cervantes e Ribadavia, que teñen varias parroquias baixo a ameaza do lume.

Risco para aldeas en Oímbra por dous incendios, un desde Portugal

E en Oímbra, Medio Rural solicitou que se declare a Situación Dúas como medida preventiva pola proximidade das lapas aos núcleos de Videferre e San Cibrao. 
Tamén está en nivel 2 o incendio forestal que comezou en Palas de Rei este domingo ao mediodía, na parroquia de Ramil, pola proximidade do lume ás casas de Pambre e Chorén.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade