Publicador de contidos

Publicador de contidos

Danos materiais nos incendios dunha casa de Chantada e un edificio de Marín, que tivo que ser desaloxado

Danos materiais nos incendios dunha casa de Chantada e un edificio de Marín, que tivo que ser desaloxado

En Chantada, a vivenda estaba baleira no momento do sinistro, polo que non hai que lamentar danos persoais

No incendio de Marín ardeu un vehículo estacionado no garaxe, e logo da intervención dos bombeiros os veciños puideron volver ás súas casas

G24.gal 16/02/2025 10:16

Efectivos dos bombeiros de Chantada arrefriaban na mañá deste domingo unha vivenda do lugar de Uriz, na parroquia chantadina de Muradelle, que ardía por completo a pasada madrugada. No momento do sinistro non había ninguén no interior, polo que so hai que lamentar danos materiais. 

Varios particulares daban a voz de alarma pasadas as cinco e media da madrugada. Ademais indicaron que había moito lume, polo que podía chegar a afectar a algunha casa máis.

Rapidamente, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Chantada, da Garda Civil, da Policía Local e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Chantada.

Os membros de Protección Civil acudiron ata o punto cunha motobomba. Logo de que os bombeiros explicasen a virulencia do lume, tamén se mobilizou un camión de Medio Rural con gran cantidade de auga para apoiar os labores de extinción.

Unha vez foi sufocado o incendio, a dotación de bombeiros indicou que ardera practicamente toda a casa: colapsaron tanto o tellado como a primeira planta, o único que non ardeu foi un baño e unha habitación.

Por outra banda, non houbo que lamentar danos persoais nin ningunha casa máis que fose afectada polas lapas.

Edificio desaloxado en Marín

Outro incendio declarado esta noite en Marín provocou alarma entre os veciños da avenida de Ourense. 

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos un cuarto de hora despois das nove da noite. Polo que indicou a persoa que o alertou, estaba a arder un vehículo na entrada dun garaxe.

Decontado, desde a sala de operacións do 112 Galicia pasouse a información aos Bombeiros de Pontevedra e de Vigo, así como á Policía Nacional e á Local. Aínda que non constaban afectados, tamén se avisou o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

O edificio, duns cinco andares, tivo que ser desaloxado mentres ambas as dotacións de bombeiros se encargaron de sufocar o lume localizado no garaxe. Logo da súa intervención, indicaron que só ardera un turismo, aínda que o garaxe ía permanecer precintado debido aos altos niveis de monóxido de carbono. Porén, os veciños puideron volver aos seus domicilios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade