Desactivada a alerta 2 nos incendios de Verín e Arbo, que evolucionan favorablemente
Os traballos céntranse agora nunha zona de difícil acceso no límite con Vilardevós
Preocupa outro lume no concello de Boiro
O incendio de Verín continúa activo tras arrasar centos de hectáreas de monte e danar algunhas propiedades. A situación é máis tranquila que a do mércores, pero aínda así, durante a tarde o vento deulle moito traballo aos equipos de extinción.
Os medios aéreos continúan arrefriando a zona queimada e atallando a reprodución constante de focos de lume en diferentes puntos. O incendio que rodeou Verín mantense activo aínda que a situación é moito máis tranquila.
Xa se pode respirar, pero sen tanto fume comeza a verse a dimensión real dos danos. Montes e leiras arrasadas e, aínda que se salvaron todas as casas, algún veciño perdeu o pouco que tiña. Un deles é Isaac, que perdeu parte do seu negocio de compravenda de coches.
"A maior perda é a nave que haberá que reconstruír. Os coches non valen tanto", explica o propietario das instalacións, que non estaban aseguradas.
Medio rural di que a evolución do incendio é favorable. Vai camiño de quedar perimetrado e os traballos nas últimas horas centráronse nunha zona de difícil acceso no límite con Vilardevós.
E mentres proseguen as tarefas de extinción tamén se traballa para dar cos responsables da desfeita. Máis dunha decena de focos, que prenderon todos seguidos, levan a pensar ás autoridades e os investigadores que se trata dun incendio intencionado e planificado.
"Temos clarísimo que foi intencionado porque hai varios focos", di o coordinador autonómico da unidade que investiga os incendios, Carlos Magariños.
"Hai varios puntos de inicio e estamos entrevistando veciños que poidan ser testemuñas e achegar información á investigación", explica Tomás Martínez, cabo do Seprona.
"Foi un ataque totalmente pensado e premeditado. Estratexicamente pensado. Os que o fixeron sabían ata onde estaba o punto de observación", di o alcalde de Verín, Gerardo Seoane.
Tamén mellora a situación en Arbo. Coma en Verín, houbo que activar a alerta 2 e pedir a participación da Unidade Militar de Emerxencias para atallar un lume que puido propagarse desde a outra beira do Miño, pero foi desactivado na noite deste xoves.
"Todo indica que pasou desde Portugal porque había un incendio e o pouco tempo xa vimos o lume que se estendía todo por esta beira do Miño", conta Horacio Gil, alcalde de Arbo.
O lume puxo en perigo unha parroquia, pero sobre todo o polígono industrial da Barcela. Os equipos de extinción e os donos e empregados das naves evitaron que o lume as alcanzase.
Agora preocupa un incendio forestal en Boiro. Comezou pasadas as catro da tarde na parroquia de Cures e xa supera as 70 hectáreas. Sete avións, seis helicópteros e numerosos medios desde terra traballan para evitar que, coa axuda do vento, se estenda pola serra da Barbanza.