Derruba ou conservación, o dilema do casino de Carballo
O dereito a adquirilo estase dirimindo nos xulgados
Case ten cen anos e ao mellor non chega a cumprilos. Falamos do casino de Carballo, un edificio de 1925 en que desenvolve o seu traballo a Sociedade Cultural e Recreativa de Carballo. Agora o dereito a adquirilo estase dirimindo nos xulgados.
Por un lado está a Sociedade Cultural e Recreativa Bergantiños, que quere mantelo para seguir coas súas actividades, e por outro unha entidade que loita pola súa propiedade, supostamente para edificar.
O futuro decidirao o xulgado, pero non hai un prazo concreto, pero que se prevé será longo, porque ademais da sentenza hai que contar cos recursos que poidan interpoñer as dúas partes.
A polémica xorde no 2017 cando a Sociedade Cultural, que ten o alugueiro do edificio, descobre que estaba á venda. Unha entidade comprábao por 70.000 euros. Xuntaron na contorna os cartos e depositáronos no xulgado, por ter dereito a compra polo mesmo prezo de venda, por riba doutros compradores, porque xa o está usando.
A sociedade que quería comprar o casino comezou un preito porque, segundo eles, hai un erro na cantidade que consta no documento que debería ser 360.000 euros.
Hai un movemento de apoio á continuidade do casino, que o considera historia viva da vila, fundado en 1889.
"E necesario rehabilitar o edificio do casino, que sexa para uso común da vila de Carballo e poder gozar del. Que haxa proxectos renovadores, transformadores e xunte diferentes sensibilidades. É un lugar de encontro interxeracional para tecer redes e tamén para a xente nova que vexan no casino un espazo onde comezar novas iniciativas que son ben interesantes para a vila de Carballo", afirma Sonia Varela Vilas, vicepresidenta do casino de Carballo
"Parece mentira que un edificio coma ese ou coma o do Mexillón, onde naceu Alfredo Brañas, non estean recollidos e protexidos no plan de ordenación municipal. Cando eu era moi neno meu pai xa era socio do casino e ía aos bailes infantís, de Entroido era o centro cultura de Carballo. E tamén había unha biblioteca moi boa, facíanse actos culturais, xuntanzas, conferencias, que non era só o baile que é do que máis nos lembramos" asegura Ricardo Vilas Otero expresidente do Casino de Carballo. Os tribunais terán a última palabra.