Depuradoras de marisco ante a suba da luz: "Funcionan 24 horas, non podemos quedar sen auga"
O sector pide que se lle considere industria electrointensiva para poder acceder a mellores tarifas
As empresas depuradoras de marisco entran agora no momento culminante da campaña, pero din que están asfixiadas e traballando sen marxe de beneficio. Os custos disparáronse pola suba da luz, e non poden repercutilos no prezo de venda nin tampouco reducir o consumo eléctrico,
Os circuítos da auga para encher estas piscinas e depurar o marisco aliméntanse con electricidade e non poden apagarse nunca. Por iso dende a Asociación Galega de Depuradoras de Moluscos dan a voz de alarma: a factura da luz disparouse e temen non dar aguantado moito máis con estes sobrecustos.
Lembran que a súa é unha actividade esencial, da que depende tamén o marisqueo, porque a maioría do molusco galego ten que depurarse antes do consumo, e piden que se considere electrointensiva para poder mellorar as condicións das tarifas.