Publicador de contidos

Publicador de contidos

Denuncian o roubo na ría de Ferrol de 120 nasas destinadas á captura de nécora e camarón

Denuncian o roubo na ría de Ferrol de 120 nasas destinadas á captura de nécora e camarón

"Cortaron as boias e deixáronas á valga, e cremos que é un feito malintencionado"

G24.gal 12/07/2023 21:47

Nos primeiros días da campaña da nécora Lino e Rubén xa viron frustradas as súas expectativas. Recentemente adquiriron a súa propia embarcación, pero na madrugada deste martes o seu aparello desapareceu das augas da ría de Ferrol, na zona de Entrecastelos.

"Cortaron as boias e deixáronas á valga, e cremos que é un feito malintencionado e que están fondeadas no canal da ría e que non podemos acceder a elas", explica Lino Pérez, patrón da embarcación de marisqueo afectada.

En total son 120 nasas coas que tiñan previsto capturar nécora e camarón. Denunciaron o roubo na Garda Civil. Calcula o seu valor nuns 2.000 euros, mais din que hai unha perda maior.

"Acabamos de comprar o barco e gastar os aforros que había para o papelame e para os aparelllos que fomos comprando, que eran 120 nasas, e ao roubárenas agora non podemos traballar", engade Rubén Ruíz, mariñeiro da embarcación.

Aínda así non dan todo por perdido e solicitan a colaboración doutros barcos da súa confraría, a de Barallobre, e tamén das demais que traballan na ría.

O patrón Lino Pérez pide: "A ver se alguén do mar podería botar unha man, algunha información sobre se viu algún movemento raro nos castelos de San Filipe e da Palma". 

Coa esperanza de poder recuperar o aparello, agardan no porto de Mugardos o momento de volver traballar.

   

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade